Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Solicitan actuacións nos leitos fluviais da localidade lousamiá

Dende o BNG temen que os ramallos incorran na xeración de balsas e que erosionen o terreo

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Rosana Pérez, e o portavoz da formación no Concello de Lousame, Anxo Moledo, realizaron esta semana unha visita ao río Pesqueira para ver de primeira man os problemas derivados do abandono dos leitos fluviais na localidade.

Os representantes do BNG escolleron, en concreto, o Pesqueira, porque é “onde a falta total de actuacións sobre a beira do río fan que a acumulación de ramallos e follaxe incorran na xeración de balsas”, explican dende o mencionado partido a través dun comunicado.

Segundo apuntan os nacionalistas, estas balsas “rematan por erosionar as beiras dos ríos, alterando o leito e facendo que o río gañe terreo ás fincas onde a veciñanza realiza a actividade agrícola”.

Anxo Moledo lembrou que este problema “foi derivado ao Concello, mais a nosa solicitude de actuación foi ignorada polo goberno local”. Pola súa parte, Rosana Pérez manifestou sentirse “asombrada polo total abandono do leito e as importantes consecuencias que ten sobre as fincas particulares”.

Por todo, a parlamentaria avanzou que no caso de non obter resposta nin por parte do Concello nin da administración galega a esta demanda dos veciños afectados “será o BNG quen tomará a iniciativa no Parlamento”.

Neste contexto, a formación frentista volverá a insistir, desta vez coa aportación de material fotográfico, na necesidade destas intervencións, “para intentar deste xeito que as actuacións se leven a cabo”, conclúen.

INICIATIVAS O partido nacionalista, con Rosana Pérez á cabeza, amosou a súa preocupación respecto a diversos temas que afectan á comarca de Muros-Noia. No mes de marzo, a deputada desprazouse á estación de autobuses noiesa para presentar unha proposición non de lei para a mellora do transporte colectivo nesta área de influencia.

Asemade, tamén abordou recentemente cos representantes nacionalistas da zona o futuro da Mancomunidade Serra do Barbanza; reuniuse cos praceiros da praza de abastos noiesa para tratar os cambios arquitectónicos que se levarán a cabo nas instalacións proximamente, así como con Noia Histórica, destacando a necesidade de impulsar o pequeno comercio dende as administracións.

02 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.