Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
É a segunda edición dunha iniciativa de voluntariado xuvenil no que participan doce mozos en risco de exclusión // Desenvólvese no cámping de Cabío durante once días nos que realizarán diversas actividades para coidar o entorno TEXTO Marta Torres

Solidariedade e compromiso no campamento de Amicos

A asociación Amicos vén de pór en marcha a segunda edición do campamento de voluntariado xuvenil inclusivo, no que participan un total de doce mozos de entre 18 e 30 anos que se atopan en risco de exclusión social ou que teñen unha discapacidade intelectual.

O campamento foi presentado fai uns días no que será o seu centro de operacións, o cámping de Cabío (A Pobra), durante once días onde se pretende fomentar entre os participantes os valores de solidariedade e compromiso coa comunidade, especialmente coas persoas que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade ou desprotección. Todo elo, indican dende o colectivo, a través de actividades inclusivas de voluntariado xuvenil.

Jaime Vidal, un dos monitores e técnico de desenvolvemento de Amicos, que acompañará aos participantes durante estes días, avanzou que realizarán “actividades para o coidado do medio ambiente como limpeza de praias e a instalación de hotel de insectos; outras iniciativas máis propias de campamento como son os patios inclusivos con xogos, saídas; e un tramo do Camiño de Santiago para conmemorar o Xacobeo”.

Os propósitos que Amicos pretende cumprir con este campamento son: promover a tolerancia, o respecto e a amizade entre os mozos para contribuír á construción de sociedades máis inclusivas; desenvolver as habilidades interpersoais dos xoves con maior vulnerabilidade para que poidan conectarse socialmente con outras persoas; aumentar o coñecemento sobre a xestión da diversidade social e cultural a través do intercambio de experiencias e vivencias entre os participantes; e contribuír á conservación do patrimonio natural e cultural galego a través da educación ambiental e o voluntariado.

Por outra banda, a ecobrigada de Amicos vén de rehabilitar o xardín botánico de Granbazán, en Vilanova, despois de dous meses de labor. Para conmemorar este traballo feito por persoas con discapacidade rematouse o proxecto coa colocación dunha placa en madeira na que pode lerse: “Este xardín botánico foi rehabilitado pola Ecobrigada de Amicos”.

O acto estivo presidido polo alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán; o tenente de alcalde, Javier Tourís; e por Adolfo Picáns, director financieiro da bodega e Carina Vázquez, responsable de Enoturismo e relacións públicas da empresa. Por parte de Amicos, estivo presente toda a ecobrigada; Ana Isabel Melón, secretaria da xunta directiva; Miguel Beiro, responsable da área de emprego; e Keltoi Cameán, técnico de emprego e empresas da asociación.

O obxectivo deste proxecto era pór en valor este espazo para a realización de eventos ao aire libre e catas de enoturismo para coñecer os viños que produce a bodega. “Quero dar as gracias en nome de todos os meus compañeiros a Granbazán por darnos este traballo. Gustoume moito facer este xardín botánico que ten moitas especies e foi moi especial”, afirmou ilusionado Manuel García, técnico da ecobrigada.

“Vimos unha oportunidade perfecta para rehabilitar este xardín a través dos servizos da ecobrigada. Estamos moi contentos cos resultados. Déronnos un selo de calidade con esta recuperación, xa que puxemos en valor o traballo humano das persoas con discapacidade e o coidado da natureza”, asegurou Adolfo Picáns, mentres que Durán calificou de “meritoria”, a labor levada a cabo por Amicos.

“conservar
o patrimonio dende unha perspectiva inclusiva”

Durante a presentación do campamento inclusivo, Digna Iglesias, vicepresidenta de Amicos, indicou que con esta iniciativa “pretendemos xerar un grupo de traballo diverso no que os mozos aprendan o valor da diversidade e compartan unha mesma misión: conservar o patrimonio natural e cultural galego dende unha perspectiva solidaria e inclusiva”.

Este proxecto desenvólvese dentro das accións da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.

Cómpre lembrar que Amicos é unha asociación sin ánimo de lucro para atención e integración de persoas con discapacidade intelectual, autismo, parálise, dano cerebral e ás súas familias. Xorde no ano 2000, da man dun grupo de pais e nais movidos pola necesidade de crear un centro que atendese de xeito profesional as necesidades dos seus fillos e fillas.

12 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.