Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
25-N. A Laracha implicará a cidadanía e ao tecido comercial nun programa especial // Porto do Son acollerá sesións de contacontos e Muros dous espectáculos para reflexionar // Carnota e Vimianzo invitan a crear debuxos e relatos TEXTO J. M / E. P.

Teatro, monicreques, selfies e concursos contra a violencia

Na Costa da Morte e na comarca de Muros-Noia apelan á creatividade para informar, sensibilizar e concienciar á sociedade coa fin de avanzar na loita contra a violencia de xénero. Son moitas e variadas as propostas que os concellos e asociacións desenvolverán nos vindeiros días con motivo do 25-N. Na Laracha presentaron este xoves o programa Eu implícome contra a violencia de xénero co que convidan á participación cidadá, tanto de xeito individual como familiar, e tamén demandan a implicación do tecido comercial local.

A iniciativa consta de tres partes diferentes e complementarias entre si. O proxecto Xanelas consistirá na distribución de carteis ríxidos e adhesivos en formato globo de cómic con frases inspiradoras e potentes contra a violencia de xénero para colocar nas fachadas exteriores dos locais comerciais e vivendas que o soliciten, e tamén nos edificios e espazos públicos accesibles á poboación. O alcalde, José Manuel López; a concelleira de Igualdade, Rocío López; a directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM), Ana Aldao e persoal municipal que coopera no desenvolvemento da campaña posaron na Praza do Concello con algúns dos carteis.

Pola súa banda, o proxecto Selfie é unha iniciativa que consistirá nun concurso no que as persoas que desexen participar deben sacarse unha fotografía xunto ao globo de cómic coa frase que considere mellor representa o seu sentimento de rexeitamento da violencia. Deberán enviala ao Concello por correo electrónico para ser publicada no Instagram @Xuventudealaracha.

A terceira das iniciativas consistirá na distribución de bolsas e de máscaras de cor violeta que levan gravado sobre un lazo o lema Eu implícome e o escudo da Laracha.

Ademais, o 4 de decembro, dentro dos Venres Teatrais, presentarase a obra Soa, espectáculo protagonizado por unha muller maltratada física e psicolóxicamente á que dá vida a actriz Rogelia dos Outeiros, baixo a dirección de Fran Rei. Sinalar tamén que o Concello larachés está adherido ao proxecto A Costa das Mulleres do GDR Costa da Morte.

Pola súa banda, en Vimianzo, o Concello convocou un concurso de microrrelatos. O prazo para presentar os traballos remata hoxe. Ademais, adheríuse á campaña De fronte á violencia de xénero, da Deputación coruñesa.

En Porto do Son, conmemorarán o 25N con dúas sesións de monicreques e contacontos pola igualdade que se celebrarán de maneira on line os días 21 e 22 de novembro, a partir das 17.00 horas. A iniciativa está dirixida ao público familiar.

En Muros, os espectáculos teatrais Bernarda e As virxes salvaxes contribuirán á reflexión sobre a violencia de xénero. Terán lugar no centro cultural os días 20 e 28 deste mes, respectivamente. Ambos están incluídos na Rede Galega de Teatros e Auditorios da Agadic e as entradas deben reservarse nas oficinas do centro cultural ou chamando ó 981 762 294.

No Concello de Carnota, a Concellería de Servizos Sociais puxo en marcha a campaña Carnota en negro 2020. Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, convidan á veciñanza a elaborar un relato, un vídeo ou un debuxo, que terán que enviar ao correo electrónico servizos.sociais@carnota.es, ó Whatsapp do teléfono 671 423 618 ou presentar físicamente nas oficinas do citado departamento. Non hai límite de idade e todos recibirán un agasallo por colaborar. Asemade, coa finalidade de dar visibilidade a esta lacra social, os traballos serán compartidos nas redes sociais do Concello.

19 nov 2020 / 16:58
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.