Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Tradición e cultura danse a man no Plan de Sostibilidade Turística de Barbanza Arousa

O proxecto está protagonizado pola oferta enogastronómica do territorio // Foi presentado este xoves no museo Valle-Inclán

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou este xoves na Pobra do Caramiñal o pulo que o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno está a dar á modernización do modelo produtivo no sector turístico en Galicia e, en concreto, ao aproveitamento da tradición cultural mariñeira como valor diferencial para apuntalar o turismo sostible. Así o manifestou no Museo Valle-Inclán, onde presidiu o acto de presentación do Plan de Sostibilidade Turística en Destino Barbanza Arousa: unha viaxe a través da historia dos sabores, impulsada pola Mancomunidade de Municipios de Barbanza-Arousa Norte.

O plan vén de obter 1.500.000 euros na II Convocatoria extraordinaria do programa de Plans de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) 2022, do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, financiado con fondos do Plan de Recuperación.

Ademais de Miñones, no acto interviron Nava Castro, directora da Axencia de Turismo de Galicia; Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia; e Xosé Lois Piñeiro e Fátima Cachafeiro, presidente e xerente da Mancomunidade Barbanza-Arousa, respectivamente.

O Plan de Sostibilidade Turística en Destino Barbanza Arousa: unha viaxe a través da historia dos sabores aproveita os sistemas produtivos e transformadores enogastronómicos da zona, como son as bateas, as conserveiras e as adegas. Persegue o desenvolvemento do territorio mediante unha proposta orientada a viaxar polos sabores a través da historia, experimentando tanto o produto fresco coma os diferentes sistemas de conservación dos alimentos, dende a salgadura ata a conserva; coa maridaxe dos viños da IXP Terras do Barbanza e Iria.

O plan desenvolverá diferentes roteiros tematizados, os museos da salgadura e a conserva; a posta en valor con tecnoloxía do Barrio dos Cataláns. As visitas a conserveiras e adegas permitirán somerxerse na historia produtiva do destino, conxugando pasado e presente.

“Estamos a deseñar o turismo do futuro de Galicia. Para facer da nosa terra un destino sostible, competitivo e de calidade de primeiro nivel”, subliñou na Pobra José Miñones, quen felicitou á Mancomunidade de Municipios de Barbanza-Arousa Norte pola consecución desta importante axuda que permitirá realizar intervencións nos museos da Salgadura e da Conserva, e que inclúe tamén a rehabilitación sostible do Liceo Marítimo Rianxeiro.

30 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.