Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Terá case un quilómetro de lonxitude e será executado pola Deputación da Coruña

Unha variante conectará as estradas de Cabo de Cruz e Abanqueiro eliminando o tráfico pesado no centro de Boiro

A Deputación da Coruña e o Concello de Boiro executarán un novo vial que conectará as estradas provinciais DP-1106 e DP-1107. A apertura deste vial, de case un quilómetro de lonxitude, é fundamental para mellorar as conexións entre Cabo de Cruz e Abanqueiro coa saída de Boiro, así como a seguridade viaria dunha conexión moi concorrida e empregada pola veciñanza para os seus desprazamentos.

A actuación suporá a execución dunha nova variante que unirá as estradas provinciais DP-1106 de Boiro a Cespón coa DP-1107 de Boiro a Cabo de Cruz e que permitirá desviar o tráfico pesado por esta nova estrada, evitando así que se concentre no centro urbano de Boiro. Para buscar unha solución estudáronse tecnicamente tres alternativas moi similares que se diferencian, fundamentalmente, na intersección coas estradas provinciais.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, salientou a “importancia que ten para a Deputación esta infraestrutura estratéxica que une estas dúas estradas de zonas moi poboadas de Boiro. Vai ser unha obra con certa complexidade técnica porque require de permisos e autorizacións de distintas administracións, pero é sobre todo unha inversión de futuro tendo en conta as novas bolsas de chan industrial que quere conectar o Concello de Boiro”, apuntou.

O alcalde, José Ramón Romero, resaltou importancia deste vial, moi demandado pola veciñanza. “É unha vía de saída a toda a industria de Cabo de Cruz para evitar que o tráfico pesado, e tamén o tráfico lixeiro, vaian ao centro urbano de Boiro”. A actuación contempla tamén unha vía peonil e un carril bici que, como explicou o alcalde, “vén unirse co que temos no paseo marítimo”. Romero estimou que as obras comezarán a executarse este mandato, cumprindo así un dos principais compromisos do seu goberno municipal.

A obra consistirá na execución dun vial de 950 metros de lonxitude que une entre si as estradas que van de Boiro a Cabo de Cruz e de Boiro a Abanqueiro. A variante contará cunha plataforma de 9 metros de ancho, con dous carrís de 3,5 metros cada un e arcén dun metro. A proposta inclúe tamén a execución dun carril bici de 2,5 metros de ancho, ademais dunha mediana que o vai separar do carril de circulación e no que se vai colocar o alumeado. Para a intersección deste vial coas outras estradas estúdase a opción que contempla a execución de glorietas en ambos casos, axudando a unha mellor regulación do tráfico.

16 abr 2021 / 13:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.