Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
// Retómanse os intercambios bilaterais con outras comunidades // A hípica, o surf, a escalada ou o tiro con arco son algunhas das propostas estivais TEXTO Alba Prada

Verán 2021: actividades fóra e máis prazas nos campamentos

Achégase o verán e iso é sinónimo de campamentos e actividades de lecer para desfrutar durante os meses estivais. Asemade, aínda que as medidas restritivas están moi presentes, a situación augura uns meses vacacionais máis “relaxados” ca os do ano anterior. De feito, a Xunta de Galicia volve abrir este 2021 os intercambios bilaterais con outras comunidades (en concreto: Álava-Araba, Castela e León, Estremadura e A Rioxa), unha actividade que no verán de 2020 foi suspendida. Xunto a estas prazas, quedan abertas tamén as dos 40 campos de voluntariado en toda Galicia e as dos 35 campamentos. En total son 7.820 prazas, mil máis que o ano pasado entre todas as propostas de ‘O verán que mereces’. No caso da área compostelá son sete campamentos e oito campos de voluntariado.

Os primeiros realizaranse en Porto do Son (Campamento Xuvenil Virxe de Loreto). Os nenos e nenas farán actividades como kaiak, escalada, raid-escalada, surf, bodyboard, kaiak surf, bicicleta de montaña, tirolesa, tiro con arco, rappel, orientación, vivac e primeiros auxilios e inmersión no Son, entre moitas outras. Tamén haberá en Boiro (Campamento Xuvenil Espiñeira) con propostas como teatro, circo, caracterización, danza, maxia, percusión, acrosport, laser tag, tiro con arco, excursións e grandes xogos. Pola súa parte, en Melide (Campamento Xuvenil Furelos) a cativada probará a bicicleta de montaña e potenciarán a orientación ou as habilidades de canto no karaoke. En Cabana de Bergantiños terá lugar no albergue municipal, e entre outras propostas, os participantes desfrutarán dun obradoiro de cestería e observarán aves. En Ponteceso (Aldea do Couto) os nenos e nenas entrarán de cheo no mundo da Arte e a Ciencia. Tamén hai en Silleda (Fervenzaventura), un novo campamento que inclúe escalada, tiro con arco, tirolina, geocachin, hípica ou vivac. Asemade en Lalín a Xunta organiza outro (no Albergue Municipal Vicente Agulló) con ofertas como rutas, hípica ou maxia.

Poden solicitar praza nas propostas as persoas mozas residentes en Galicia. En canto ás idades máxima e mínima; todos aqueles nados no 2003 non poderán ter cumpridos 18 anos antes da finalización do campamento, e os nados no ano 2012 deberán ter cumpridos 9 anos no momento do inicio. A recepción de solicitudes arrancou onte e hai sete días hábiles para presentalas. Debe facerse preferiblemente por vía telemática a través da Sede Electrónica (na páxina de Xuventude hai dispoñible máis información ao respecto). Asemade dende a Xunta aclaran que as familias numerosas e monoparentais terán un desconto do 50 %, e as persoas usuarias do Carné Xove gozarán dunha rebaixa do 25 %.

No caso dos campos de voluntariado son varios os que se desenvolverán na área compostelá. En concreto faranse en Outes (Lembrando a nosa pegada), Ponteceso (Alí, xaz), Ribeira (Dunas de Corrubedo), Boiro (Amicos), Rois (Castro do Lupario), A Laracha (Castro de Montes Claros), Boqueixón (Camiño cara a natureza) e Lalín (Tradición en verde). Para os campos de voluntariado celebrados aquí, o prazo de inscrición (que arrancou o 19) estará aberto ata cinco días antes do comezo de cada campo. Para os que se desenvolven noutras comunidades autónomas (que tamén se recuperan este ano) habilítanse dúas convocatorias: a primeira delas remata o día 21 de maio ás 14.00 horas. A segunda convocatoria arrancará o 1 de xuño e permanecerá aberta ata cinco días antes do inicio do campo. A solicitude presentarase mediante un formulario en liña e cada persoa debe escoller, por orde de prioridade, un máximo de 5. Hai que recalcar que nestas propostas de voluntariado só pode participar a mocidade de entre 18 e 30 anos. Hai rebaixas do 25 % para familias numerosas, monoparentais e co Carné Xove.

As principais novidades neste verán son as catro novas instalacións de campamentos: Bande, Parada de Sil, Cabana de Bergantiños e Silleda; a recuperación do programa de intercambios bilaterais (tanto no caso das actividades de voluntariado como de campamentos) e os 13 campos de voluntariado que se suman.

O PROTAGONISTA
“É un dos máis tradicionais”
Luis Oujo
Alcalde de Porto do Son

O Campamento Xuvenil Virxe do Loreto de Porto do Son é un dos máis tradicionais. “Xa non só como campamento, que é precioso, senón que está moi cerca da praia da Aguieira, espectacular, onde se poden practicar deportes vinculados ao propio campamento, e tamén do areal de Cabeiro. Todo o que é a súa contorna é especial, un lugar privilexiado”, di o rexedor.

“Non queremos que sexa un campamento apartado da actividade que organizamos no Concello, senón que estea vinculado ao pobo e que fagamos propostas conxuntas”, sentenciou o alcalde sonense.

{ A OLLADA }
Retomar a vida social
Alba Prada

semella quE O FEITO de constatar como este verán se incrementan o número de prazas e como se volven permitir os intercambios fóra da comunidade; xa esperta certa esperanza. Non se ven uns meses estivais tan incertos como os do ano anterior e iso é fundamental para todos, pero especialmente para os máis novos. Eles están na idade de socializar e dende logo esta pandemia supúxolles un duro golpe. Ter moitos campamentos onde escoller (os máis pequenos) e actividades de voluntariado (a mocidade) implica que poden en certo modo retomar a diversión propia das vacacións. Dende logo, as opcións son moi amplas e, aínda que haxa que tomar precaucións, estas propostas da Xunta son unha recompensa a tanto sufrimento.

21 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.