Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Melchor, Gaspar e Baltasar están saudando ós cativos nos días e horas que pediron // Ribeira retransmite hoxe por streaming un espectáculo musical // Comercios da Pobra locen os monecos feitos por mozos con diversidade funcional TEXTO S. Souto

Videochamadas dos Reis Magos a cincocentos nenos rianxeiros

O ano 2020 toca xa á súa fin, e os máis cativos prepáranse para a súa cita cos Reis Magos, algo que nin a COVID vai evitar, se ben, por mor das circunstancias, non poderán celebrarse as tradicionais cabalgatas multitudinarias. Pero tamén os Magos de Oriente se adaptan á actual situación, e nalgúns concellos aliaranse cas redes sociais e as novas tecnoloxías para saudar virtualmente a todos os nenos.

Así, en Rianxo, a patronal e o Concello facilitaron a posibilidade de que as crianzas poidan falar con Melchor, Gaspar e Baltasar dende as súas casas. Para que os Magos de Oriente poidan chamalos, tiveron que inscribirse antes para que se poñan en contacto con eles mediante videochamada nos días e nas horas reservados. En total foron máis de medio milleiro os nenos e nenas rianxeiros que se apuntaron a esta iniciativa.

En Ribeira, o Concello preparou unha programación de Nadal adaptada aos tempos nos que vivimos, potenciando aquelas accións que non impliquen aglomeracións de persoas nin desprazamentos innecesarios e con propostas especialmente dirixidas ao público infantil e familiar. Por este motivo, haberá espectáculos on line que se emitirán en directo, vía streaming, a través da canle de Youtube da administración local. Desta forma trátase de chegar ao maior número de veciñas e veciños, que poderán velos dende as súas casas nos días sinalados ás 19.00 horas. Así, hoxe mércores retransmitirase o espectáculo musical Estación Nadal, de Mamá Cabra.

Xa no ano 2021 emitiranse dous máis: o día 2 de xaneiro, a proposta de teatro musical da compañía Avento titulada Umm. Unha comedia musical, e o día 3, o Concerto Con Fusión, da compañía Píscore.

Tamén está prevista a visita de personaxes como o Apalpador, Elfos e Paxes Reais que percorrerán as rúas da cidade os días 29, 30 e 31 de decembro e 2, 3, 4, 5 e 6 de xaneiro en distintos horarios para recoller as cartas dos cativos e agasallar a todos eles con lambetadas e rifas de balde para un sorteo de tres vales de 120 € cada un que poderán gastar no comercio local, en combinación coa lotería do Neno de 2021. Ademais, o Concello está a preparar a visita dos Reis Magos o día 5 dun xeito que está pendente de desvelar por parte da concellería de Cultura, sempre garantindo as medidas de seguridade e prevención pola COVID.

O Concello de Boiro organizará este ano unha singular cabalgata de Reis. O obxectivo é que todos os nenos e nenas do municipio poidan ver aos Magos de Oriente cumprindo coas restricións e medidas de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias. A presentación do percorrido vaise realizar no día de hoxe.

Pero este Nadal abondan tamén as iniciativas solidarias. Na Pobra, as persoas que participaron no obradoiro A creatividade na diversidade (dirixido a adolescentes con diversidade funcional co obxectivo de incentivar as habilidades sociais mediante a creación artística e atendendo á temática propia destas datas) están entregando en varios comercios do municipio trasnos do Nadal para decorar os locais.

E a Confraría da Dorna de Ribeira entregoulle a cada un dos usuarios e usuarias da asociación de persoas con diversidade funcional Ambar un agasallo que representa o compromiso da entidade coas iniciativas sociais: a súa suadeira. A Confraría da Dorna, que ten unha masa social de case 1.500 persoas, naceu cun fin solidario que se mantén a día de hoxe. Nas edicións pasadas da Festa da Dorna, Ambar puido beneficiarse do fondo social co que conta a asociación.

areadecompostela@elcorreogallego.es

30 dic 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.