Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Xandre Muíño padece linfoma de Hodgkin dende os dezasete anos // No mes de outubro sufriu unha notable recaída polo que estivo ingresado no Chuac sete días // Síntese confundido co comportamento das persoas en plena segunda ola da pandemia

A confidencia dun xoven carballés con cancro: “Para min foi indignante ver que a reacción desas persoas era só pensar nun mesmo e non nos demais”

Estamos a vivir momentos complicados a consecuencia da situación sanitaria provocada pola COVID, pero quizais moitos non pensen naquelas persoas que estiveron ingresadas no hospital durante estes meses de pandemia por outras enfermidades. O carballés Xandre Muíño Garrido, de 22 anos, cóntanos a súa experiencia.

Fai catro anos diagnosticáronlle linfoma de Hodgkin, un cancro que afecta a unha parte do sistema inmunitario chamado sistema linfático. Daquela recibía quimioterapia e tiña que ir unha vez ao hospital cada dúas semanas. “Con 17 anos que tiña quedei en shock porque sabía ao que me ía ter que afrontar, pero son unha persoa bastante alegre e tomeino con forza”, apunta Xandre. Ao ano seguinte a enfermidade empeorou, o que lle obrigou a recibir radioterapia. Os seguintes anos mantívose estable con revisións periódicas ata que o pasado mes de outubro sufriu unha recaída notable e tivo que volver a dar quimioterapia.

Xandre non quería crer que o cancro volvese a poñelo nunha situación complexa, pero así foi. “Doíame a espalda dunha maneira especial, tiña unha sudación noctura e notaba máis cansancio do normal”, recorda. Con eses síntomas acudiu nun primeiro momento a Urxencias do Centro de Saúde de Carballo, onde non viron nada estraño. Pasaron os días e seguía tendo molestias polo que decidiu chamar au seu especialista do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). Nesa mesma semana o doutor programoulle unha proba urxente e aos poucos días operouse para quitar uns bultiños. Hoxe en día está coa quimioterapia.

ASÍ VIVIU OS SETE DÍAS NO HOSPITAL. O xoven carballés estivo ingresado no Chuac sete días coincidindo coa segunda ola da pandemia. No seu rostro reflexábase medo e intranquilidade, con motivo de que cando estás a recibir un tratamento de quimioterapia as defensas están baixas. “A pesar de que todos os pacientes facemos a PCR antes de ingresar no hospital, tes temor de que te poidas contaxiar. Estamos todo o día con distintas enfermeiras que se acercan con toda a protección posible, pero o virus non se sabe onde está”, conta.

Durante esa semana Xandre intentou deixar a un lado as noticias dos medios e pasou o tempo vendo series en Netflix, pero aínda así era consciente do que estaba a suceder fóra. “Percibía que a situación sanitaria se complicaba e iso perxudícame no sentido de que cantos máis contaxios haxa, máis ingresos haberá por covid e máis presión terán os sanitarios”, pensaba. No referente ao persoal sanitario da planta de hematoloxía, Xandre quedou máis que satisfeito co trato recibido. “Tratáronme sempre cunha sorrisa na boca”, afirma.

Estivo acompañado por súa nai, xa que nas habitacións só podía haber un acompañante por paciente. Ademais, recomendábase que dita persoa non quedara a dormir a menos que o doente estivera grave. Non foi o caso, polo que Xandre tivo que pasar as noites só. O peor foi que a súa nai pasou as horas sentada nunha cadeira de madeira “xa que o sillón correspondente estaba lexos da cama e ela prefería estar cerca miña”.

INCREDULIDADE TRAS SAÍR Á RÚA. Despois de recibir a alta pasou varios días na casa para recuperarse. Cando tivo forzas para saír á rúa sorprendeuse ante o comportamento dos cidadáns. “A xente actuaba como se non houbera covid: sen cubre bocas nos bares e sen cumprir a distancia de seguridade”, sinala. Isto provocoulle moita pena porque él si era consciente de como estaba a situación no hospital e de toda a xente que ingresaba cada a día ou incluso de todos os que estaban esperando por unha operación. “Para min foi indignante ver que a reacción desas persoas era só pensar nun mesmo e non nos demais”.

Tras o vivido no hospital e a indignación do que poidera observar na rúa, Xandre decidiu escribir un pequeño texto e subilo ás redes sociais, o cal tivo gran repercusión. “Con esas palabras puiden descubrir que hai moita xente que pensa coma min. Todos chegamos a unha idea en común que é a seguinte: oxalá poidamos cambiar a mentalidade dunha persoa”, relata.

Á ESPERA DUN NOVO CICLO DE QUIMIOTERAPIA. Pasaron as semanas e Xandre está á espera de recibir o segundo ciclo de quimioterapia. “Estarán a punto de chamarme xa que o descanso entre ciclos é de tres ou catro semanas e xa estou na cuarta”, explica. Posteriormente faranlle unha proba diagnóstica para ver como está evolucionando a enfermidade e se a quimioterapia está funcionando, e se todo vai ben terá que facer un auto trasplante de médula, volvendo a continuación aos ciclos de quimioterapia. “Agora estou francamente ben pero cando chegue o momento do tratamento os primeiros días atopareime moi mal porque case non me podo levantar do mareado e das náuseas que teño”, desvela.

28 nov 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.