Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Laracha mellorará as instalacións da piscina e o ximnasio da capital municipal

Investirá 227.000 €, que serán financiados con fondos do remanente de tesourería

O Concello da Laracha sacará a licitación nos próximos días o proxecto de renovación do complexo deportivo da piscina municipal da capital municipal e o subministro das novas máquinas do ximnasio. No pleno de xullo xa se dera luz verde ao suplemento de crédito por un importe de 227.000 euros para financiar ambos contratos con fondos municipais procedentes do remanente líquido de tesourería.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Deportes, Patricia Bello, mantiveron unha reunión de traballo cos responsables do estudo de arquitectura Naos, encargado da redacción do proxecto, e da empresa concesionaria da xestión e explotación desas instalacións municipais, Hebe Sport, para ultimar os detalles da actuación.

O amplo e ambicioso proxecto -xunto co subministro das máquinas- contempla varias intervencións diferenciadas e complementarias entre si coa finalidade de mellorar os equipamentos, facelos máis atractivos e eficientes, e ofrecer un maior confort aos usuarios e novas oportunidades para a práctica de actividade física.

Así, na zona do ximnasio será substituída toda a maquinaria cardiovascular, de musculación e de peso libre incorporando novos equipos de alta gama. Tamén será renovado o pavimento, prevendo a instalación de dous tipos de superficies adaptadas ás diferentes necesidades que presentan as salas de máquinas e as de actividades. Ademais, realizaranse as intervencións oportunas para mellorar a climatización.

Na zona do vaso da piscina contémplanse intervencións na praia que pretenden reducir os desbordamentos que se rexistran especialmente nos momentos de maior uso da instalación. Isto suporá un impacto positivo tanto no aforro de auga como na eficiencia enerxética.

Na parte exterior da edificación realizarase a nova impermeabilización da cuberta e a completa renovación das fachadas exteriores. Unha vez executado este proxecto, o Concello sacará a concurso o novo contrato de xestión do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha, que conta actualmente con 1.600 usuarios.

08 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.