Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
Xosé Vázquez Labandeira, apaixonado da poesía dende os 14 anos

“A poesía é unha forma de plasmar e revivir momentos da miña vida”

O laxense Xosé Vázquez Labandeira estivo ligado ao campo da formación vial durante gran parte da súa vida laboral. A pesar diso, o interese pola escritura venlle de moi novo. Froito disto son a obra Toponimia de Laxe e os tres libros de poesía publicados durante a época da COVID: Sentimentos (con 169 poemas en galego), Pensamientos (con 92 poemas en castelán) e Sensaciones, que foi publicada fai unhas semanas e trátase dunha continuación de Pensamientos ata chegar ás 244 pezas. Agora son varios os proxectos literarios nos que está a traballar.

A súa paixón pola poesía vén dende que era pequeno?

O primeiro poema en castelán, publicado no poemario Pensamientos, editado por Ed. Donbuk, data de cando eu tiña 14 anos. O primeiro en galego, publicado no poemario Sentimentos, editado por Ed. Medulia, é de cando cumprín os 16 anos, momento no que o galego estaba perseguido e desprestixiado. Con esta información podo dicir que si.

Con que profesión compaxinaba as horas de escritura?

Cos estudos de bacharelato, teoloxía, na emigración en Suíza e Barcelona, estudando Pedagoxía e Maxisterio. Posteriormente con ensino de formación vial ata a recente xubilación.

Recentemente saíu á luz Sensaciones, a segunda parte de Pensamientos. Por que decidiu darlle continuación e cal é a temática?

Nun principio era para publicar só unha escolma de toda a poesía castelá, 244 poesías, pero dada a dificultade da elección e por consello da editorial Donbuk, decidiuse dividir a totalidade en dous libros, un primeiro, Pensamientos, e un segundo, Sensaciones. Todo o conxunto son expresións das miñas vivencias tal como as sentía cando as redactaba e sin correccións de composición para así conservar a sensación de cada intre. Debo dicir que a idea de publicar nace da insistencia de facelo por parte dos meus amigos de sempre.

Destacaría algún poema das anteriores obras por algo en especial?

Si por petición teño que destacar algún, fareino co poema DESPEDIDA, nº 219, porque para min significa a fin dunha etapa de composición poética con idea de non voltar a ela e tamén o final dunha época da miña vida moi importante. Volvín a compoñer 14 anos máis tarde por amor... Unha segunda época vital.

Cal é o significado persoal da poesía?

Unha forma de expresarme que normalmente non utiizaría cos demais, de plasmar e revivir momentos da miña vida. Ademais é un hobby moi agradable e a publicación é, máis ca nada, por si lle vale a alguén para pasar uns intres pracenteiros.

Con anterioridade publicaches Toponimia de Laxe. Que nos dirías desta publicación?

A obra ten como fin fundamental non perder os nomes do Concello de Laxe que están desaparecendo a marchas forzadas. Aporto unha explicación de cada nome como simple afeccionado.

Son varios os libros sobre toponimia que se están editando de diferentes municipios galegos. Dáselle así importancia á cultura galega?

En xeral a cultura non se valora e o terreo da toponimia é un máis dentro dunha sociedade galega que se autodesprecia.

Nestes momentos ten en mente algún outro proxecto?

Estóu dándolle o derradeiro repaso a un libro de ensaio de tipo relixioso, enfocado principalmente ás tres relixións monoteístas máis extendidas: xudaísmo, cristianismo e islamismo.

Outro proxecto, ideado e aínda sen plasmar, vai ser a publicación do máis destacado do concello de Laxe cunha exposición de datos pouco coñecidos.

12 may 2021 / 18:26
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.