Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
LAXE. A empresaria Carmen Pose namorouse dunha pequena edificación de pedra que estaba en ruínas e acabou creando un complexo rural // Restaurou varias casas, unha delas de estilo indiano, ubicadas nunha finca de trece mil metros // Complementounas con catro cabaniñas de bosque TEXTO Lorena Rey

A Torre: do olvido a aldea turística

Son múltiples as aldeas galegas que tras décadas desamparadas acaban retomando a vida diaria no lugar. Un exemplo é o pequeno lugar de A Torre, en Laxe, que grazas á empresaria Carmen Pose Blanco se converteu nun gran complexo turístico rural. No ano 2005, Carmen namorouse dunha pequena edificación de pedra que por aquel momento estaba en ruínas e contactou coa propietaria coa idea inicial de restaurala. O que non sabía é que a compra da vivenda ía acompañada doutras casas de aldea de pedra, entre as que destacaba unha de estilo indiano con extensas e numerosas fincas arredor. Con todo, Carmen decidiu pór en marcha un proxecto centrado no turismo co nome de complexo rural A Torre de Laxe.

Abriu as portas no 2010 tendo os visitantes que decantarse entre varias opcións de aloxamento. Así atopamos un hotel na casa de estilo indiano que ofrece sete habitacións de tipo ecléctico con toques coloniais divididas en dúas plantas. Arco da bella, Treboada e Orballo son os nomes dalgunhas das habitacións. A maiores, o lugar dispón de dúas casas completas e apartamentos amplos para desfrutar coa familia e amigos. A novidade son as cabaniñas, situadas na zona máis de bosque, que comezaron a funcionar no pasado mes de outubro. “É a tendencia, o que máis se demanda. Como dispoñíamos de terreo construimos catro, e están funcionando moi ben”, destaca Carmen Pose.

Con todo, a beleza dos xardíns e a dispoñibilidade dun gran salón acristalado deu pé a adentrase na organización de banquetes a partir do 2013. Piscina, minigolf e randeeiras nas árbores son algúns dos elementos que reúne a finca de 13.000 metros cadrados con vistas á ría de Corme e Laxe e á montaña.

PERFIL DE TURISTA. Nos meses de inverno destaca a presenza de público galego. “Pode haber algo de Asturias e León, pero máis de cara a pontes festivas”, afirma. No verán pásase a un perfil de visitante nacional e estranxeiro. “Levante, Madrid, Zaragoza son algúns dos lugares de procedencia e no referente aos estranxeiros destacan os alemáns, belgas e franceses”, resume. Por outra parte, moitas parellas escollen a Torre de Laxe no inverno xa que “o noso establecemento préstase moito polo encanto que ten”. Conforme nos adentramos na época estival hai máis familias.

AUMENTAN AS RESERVAS. Os meses de pandemia fixeron que tiveran que pechar as portas en múltiples ocasións. Carmen recorda o pasado mes de xullo e agosto con moita actividade. “A pesar de traballar moito foron semanas complicadas porque houbo moita anulación, moita reserva nova e a xente era esixente”, recorda. O funcionamento ía por bo camiño ata que meses máis tarde volveron pechar.

Con escasas semanas de apertura no Nadal, onde destacou a demanda de aloxamento independente, as boas novas retornaron a fin de semana pasada. O bo tempo e o alivio das restricións en boa parte dos concellos galegos fixo que moitos decidiran pasalo fóra da casa. “O sábado estivemos practicamente ao 100%. Para esta fin de semana as cousas van polo mesmo camiño”, dicía Carmen a mediados da semana. O único problema que se presentou era á hora de cear con motivo do peche da hostalaría ás seis que “moitos solucionaron con bocadillos”. “Realmente a xente tiña moitas gañas de saír e desconectar”, engade.

ESPERANZA . A Torre de Laxe é un lugar emblemático da Costa da Morte para o turismo rural. Moitos escólleno para desfrutar da paisaxe con tranquilidade. “Penso que o verán vai ser forte. Xa temos moita reserva e se nos abren imos traballar moi ben”, afirma Carmen Pose.

No referente a cerimonias teñen contratadas unha cifra importante de vodas, entre as que están algunhas das que foran aprazadas o ano pasado. “A xente ten gañas e esperanza”, conclúe.

07 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.