Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Acordo para renovar a cuberta e os canalóns do pavillón da Laracha

Pintarán os muros do interior e do exterior grazas a unha axuda nominativa da Xunta

A Laracha. O goberno larachés ratificou un convenio de colaboración entre o Concello e a Secretaría Xeral para o Deporte que ten por finalidade a cooperación entre ambas entidades para o financiamento do proxecto de mellora do pavillón municipal da Laracha. A actuación consistirá na renovación da cuberta e dos canalóns, incluíndo tamén o pintado dos muros tanto no exterior como no interior do polideportivo.

O investimento alcanzará os 40.000 euros, dos cales 25.000 serán achegados pola Secretaría Xeral para o Deporte por medio dunha subvención nominativa. Os 15.000 € restantes serán asumidos polo Concello con fondos propios municipais.

Na Xunta de Goberno tamén se acordou a adhesión do Concello ao convenio entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a coordinación de actuacións no desenvolvemento do programa galego de vixilancia e control fronte a avespa asiática. En virtude do acordo, continuaranse desenvolvendo as accións que nese sentido se viñan realizando no termo municipal, manténdose a disposición do Concello o sistema de avisos a través do 012 e garantindo a eliminación ou neutralización dos niños de avespa velutina detectados nun prazo de cinco días hábiles.

Ademais, autorizouse a solicitude de participación na convocatoria de subvencións da Secretaría Xeral de Igualdade dirixidas a entidades locais para a promoción da igualdade. As axudas solicitadas polo Concello terían por destino o cofinanciamento do programa Harmoniza de axuda á conciliación –a través do que se prestan os servizos de aula lúdica e Madrugadores-, os gastos derivados do Centro de Información ás Mulleres (CIM) e programas de promoción, sensibilización, información e difusión en materias da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e de prevención da violencia de xénero.

Salientar, por último, a concesión da licenza urbanística para a construción dunha vivenda unifamiliar no núcleo de O Campo Medado, na parroquia de Soandres.

08 abr 2021 / 18:22
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.