Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Aprobado o proxecto para reducir o risco de inundacións no San Martiño

A Xunta de Galicia e o Concello de Carballo seguen dando pasos para materializar as accións incluídas no convenio de colaboración para reducir o risco de inundación nas beiras do río Anllóns. O último foi a aprobación, esta mesma semana, do proxecto elaborado por Augas de Galicia para acometer unha reforma integral no parque do San Martiño.

O acordo entre ámbalas dúas institucións establece a obriga do Concello de Carballo de achegar os terreos, xestionar as licenzas e facerse cargo do mantemento posterior das obras. A Xunta, pola súa banda, financiará as actuacións cun total de 3 millóns de euros, procedentes nun 80% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Dentro das competencias municipais, a corporación aprobou en novembro do ano pasado o inicio do proceso de expropiación dos terreos precisos para acometer as obras no San Martiño. Son, en total, 5.387 metros cadrados pertencentes a 10 propietarios, entre eles o propio Concello de Carballo. Agora, co acordo adoptado esta semana pola Xunta de Goberno Local, dáse o visto bo ao proxecto elaborado por Augas de Galicia.

O obxectivo da actuación que se acometerá no San Martiño é adoptar as medidas precisas para evitar que en época de crecidas a auga siga chegando ás vivendas e negocios da contorna. Para iso, os técnicos establecen a necesidade de construír motas de protección que contribúan á contención da auga e de modificar tanto a configuración como o emprazamento da ponte, que carece da altura necesaria para facilitar o fluxo do río e que, de feito, xa foi obxecto de varios cambios dende a súa construción. Agora haberá que derrubar para construír outra, máis alta e máis longa, dende o remate da rúa San Xoán Bautista ata a río Deza. O investimento previsto é de 366.697,74 euros, e o prazo de execución, unha vez as obras sexan adxudicadas por parte da Xunta, será de tres meses.

Ademais da reforma integral do parque de San Martiño, no convenio están previstas a demolición de edificación, reforma da ponte e creación dunha canle de augas altas na rúa Sol; a reforma da ponte da Casilla, da canle e motas de contención augas abaixo da ponte; a mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a AG-55 e a AC-552, na Cepeira (Sísamo); e a realización dun bypass no Muíño do Quinto.

31 mar 2022 / 18:49
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.