Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cabana captura preto de 600 raíñas no primeiro mes da campaña de trampeo

Colocáronse máis de 200 dispositivos en espazos públicos e fogares // A veciñanza pode participar no programa ata o 31 de maio

Cabana de Bergantiños. Despois dun mes de campaña de trampeo contra a avespa velutina, o Concello de Cabana fixo un reconto o pasado día 30 de marzo e rexistrou preto de 600 raíñas capturadas e máis de 200 dispositivos colocados.

En concreto, as cifras sitúanse en 273 raíñas capturadas en lugares públicos e 312 en dispositivos de uso doméstico. Persoal do Concello instalou 80 dispositivos de captura en lugares de uso público como parques, o entorno do CPI As Revoltas e zonas verdes. Por outra banda, os servizos municipais atenderon 121 solicitudes de particulares.

Cabana iniciou a loita contra a praga a comezos de marzo, sendo un dos primeiros municipios da comarca en colocar trampas e poñelas á disposición da veciñanza de xeito gratuíto. Cada fogar pode solicitar recibir unha trampa e un litro de líquido atraínte que colocar nos seus terreos particulares.

As persoas interesadas en unirse á campaña de trampeo, poderán facelo ata o 31 de maio a través da páxina web do Concello, www.cabana.gal. Deberase comunicar o número de raíñas capturadas cada 15 días para poder controlar a evolución do programa. O persoal da Policía Local encárgase da entrega a domicilio deste paquete de obxectos, que deben instalarse en zonas próximas a antigos niños ou a flores, especialmente camelias.

Así mesmo, os apicultores e apicultoras do municipio tamén poderán solicitar trampas ou repelente adicional para os seus terreos.

05 abr 2021 / 10:51
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.