Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cabana recupera a reitoral de Cesullas para destinala a actos sociais e culturais

Encherase de vida de man das asociacións locais e as actividades municipais // A coral parroquial será unha das futuras usuarias

A Xunta de Galicia concedeu un préstamo sen xuros de preto de 150.000 euros ao Concello de Cabana de Bergantiños, ao abeiro do Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, para levar a cabo a rehabilitación da antiga casa reitoral da parroquia de Cesullas.

Durante unha visita ás obras desta actuación, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou que a mellora das condicións tanto interiores como exteriores da casa reitorial de Cesullas permitirá recuperar os seus volumes orixinais para destinala nun futuro a fins sociais, culturais, interpretativos ou de promoción da zona.

Intervirase, entre outras cuestións, en aspectos como a urbanización do acceso a través do atrio da igrexa, a partición de interiores e tabiquería, a instalación de electricidade, iluminación, fontanería, saneamento e aparellos sanitarios.

A maiores, tamén se levarán a cabo solados e alicatados, revestimentos e falsos teitos, e illamentos así como a instalación de protección contra incendios.

Desde o Concello de Cabana, incídese na relevancia destas intervencións non só para a preservación e posta en valor dun edificio senlleiro como é a reitoral de Cesullas, senón para “dotalo de vida e que o asociacionismo e actividades municipais poidan ter cabida no seu interior”.

Neste sentido, o alcalde de Cabana, José Muiño, fixo fincapé na relevancia de “poder contar coa Xunta para a rehabilitación deste inmoble, un espazo situado a carón da igrexa de Santo Estevo que terá unha nova vida na que unha das protagonistas será a música, xa que será ocupada pola Coral, entre outras actividades. Estamos moi contentas e contentos de que esta iniciativa saia adiante porque, de verdade, é un edificio arquitectonicamente precioso e cunha historia que ben merece ser continuada”.

SEN XUROS. A conselleira, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada, ademais de polo rexedor cabanés, por concelleiros locais, veciños e técnicos, lembrou que este fondo, creado no ano 2016, posibilita que os concellos máis pequenos teñan “tesourería” para poder avanzar en infraestruturas necesarias ao dispor do investimento necesario a través dun préstamo sen xuros que poden devolver nun prazo de ata 8 anos.

De feito, ata 2021, concedéronse préstamos por importe de máis de 11,3 millóns de euros para financiar 50 actuacións nun total de 23 concellos. E, na convocatoria de 2022, asináronse xa 19 convenios con 13 concellos por unha contía de 3,58 millóns de euros e aínda están pendentes de avaliación preto dunha ducia de peticións logo de que rematase o prazo de presentación de solicitudes o pasado 30 de setembro.

MÁIS FONDOS. No caso de Cabana de Bergantiños, a conselleira Ángeles Vázquez incidiu en que no ano 2023 a Xunta manterá o impulso dado á recuperación do xa construído, incrementando nun 21 % os fondos destinados a esta materia.

“Pasamos dos 45,7 millóns de euros cos que contamos neste ano 2022 aos 55,3 dos que disporemos o vindeiro exercicio”, aseverou.

15 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.