Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Caión recibiu a mozos de cinco países que visitaron o Arquivo da Pesca local

Participan nun programa de intercambio que xa levou a xoves da Laracha a Venecia // Recorreron varios puntos do concello

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, recibiu este xoves en Caión aos participantes no programa de intercambio xuvenil El camino que nos une, todos eles mozos procedentes de Italia, Grecia, Lituania, Portugal e Letonia.

Esta visita conforma a segunda fase do proxecto no que está a participar o Concello e que posibilitou que no pasado mes de xullo rapaces laracheses viaxasen a Venecia. Precisamente desa localidade italiana procede gran parte da expedición. Son alumnos de Il Polo Tecnico Profesionale de Venezia Vendramin Corner, o centro de formación profesional no que cursan estudos de diferentes materias relacionadas cos sectores marítimo, mecánico e de atención sociosanitaria.

Na Laracha visitaron varios puntos do municipio e realizaron os actos oficiais na vila de Caión, onde o alcalde lles deu a benvida no centro sociocomunitario -acompañado polo presidente do GALP Costa da Morte, Evaristo Lareo- antes de proxectar un vídeo sobre o Concello e de visitar o Arquivo da Pesca.

Ademais da Laracha, durante a súa estancia de unha semana en Galicia tamén coñeceron Santiago de Compostela -incluíndo o Parlamento Galego e os Museos do Pobo Galego, Arte Contemporánea e das Peregrinacións-, un tramo do Camiño, a cidade da Coruña e os municipios de Santa Comba e de Fisterra.

Este venres teñen previsto celebrar un encontro co conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

BANDEIRA AZUL. Pola súa banda, o tenente alcalde e edil de Medio Ambiente, José Ramón Martínez Barbeito, está a representar ao Concello da Laracha no Congreso Internacional de Bandeira Azul que se celebra nesta semana en Las Palmas.

O evento é organizado pola Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor, entidade responsable dos programas internacionais da Foundation for Environmental Education (FEE), entre os que destacan a Bandeira Azul, Sendeiro Azul e Centro Azul de educación ambiental.

O congreso realízase co obxectivo de desenvolver un novo concepto para praias no que a sostenibilidade, a saúde e a seguridade se convertan en realidades confluíntes que avancen no compromiso por un futuro de calidade ambiental e persoal. A presenza da Laracha permitirá abrir posibilidades de intercambio de información con representantes internacionais, nacionais e municipais, así como con técnicos e profesionais dos servizos con responsabilidades en praias nos ámbitos da lexislación, educación, atención á diversidade, seguridade, emerxencias e socorrismo.

Nas tres xornadas do congreso o representante municipal, José Ramón Martínez Barbeito, está a asistir a ponencias sobre diversas temáticas, mesas de traballo especialmente relacionadas coas boas prácticas e obradoiros con contidos en torno aos criterios da Bandeira Azul.

04 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.