Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Carballo destinará 423.500 euros no último trimestre do ano a financiar gastos derivados da covid-19

A partida máis elevada, con 115.000 euros, é a asignada a axudas sociais a particulares para os próximos tres meses

Carballo. Aínda que non figuraba na orde do día do pleno celebrado este luns porque, como explicou a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, esperouse ata o último minuto por se o Goberno do Estado establecía algún tipo de directriz, houbo unanimidade para incorporar ao debate unha proposta do goberno municipal do BNG para financiar con cargo ao remanente de tesourería os gastos derivados da covid-19 de aquí a finais de ano. O Concello de Carballo xustifica a utilización deses fondos, dos que dende Madrid non se permite dispoñer libremente aos concellos, pola excepcionalidade da situación sanitaria na que nos atopamos e pola necesidade de asumir unha serie de necesidades que carecen de cobertura orzamentaria porque cando se elaborou o orzamento ninguén podía vaticinar a pandemia. O importe estimado para os próximos tres meses acada os 423.500 euros, o que reflicte a importancia dos gastos que deben asumir as arcas municipais como consecuencia do coronavirus.

Todos os grupos votaron a favor da proposta agás Terra Galega, que se abstivo. Os 423.500 euros permitirán continuar co apoio que dende os Servizos Sociais se está prestando ás persoas que, pola súa situación económica ou de especial vulnerabilidade, precisan algún tipo de axuda ou recurso, tendo en conta que a crise sanitaria supuxo novas necesidades para as familias como a obrigatoriedade de utilización de máscaras para os nenos e nenas maiores de 6 anos; pero tamén é preciso dotar de equipos de protección individual ao persoal municipal, instalar medidas de prevención nos postos de atención ao público e achegar material hixiénico-sanitario a todas as dependencias e servizos municipais, desinfectar espazos e locais, colocar novos sinais, incrementar o servizo de limpeza dos colexios e os controis de calidade da auga, instalar sistemas de control de aforo para accesos a instalacións deportivas e culturais ou acondicionar un espazo na Casa do Concello para controlar o acceso.

DISTRIBUCIÓN DO CAPITAL. A partida máis elevada, con 115.000 euros, é a destinada a axudas sociais a particulares para os próximos tres meses; pero, por exemplo, en mamparas, que na súa maioría se colocarán no Conservatorio Profesional de Música, investiranse 30.000 euros, e para o reforzamento do servizo de limpeza nos colexios para cumprir co protocolo da Xunta destinaranse 45.800 euros só nun trimestre, aos que se suman 1.700 das escolas infantís.

30 sep 2020 / 10:32
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.