Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Carballo e Mazaricos dan pedais e aparcan o coche

Cinco rúas da capital de Bergantiños foron pechadas onte ao tráfico // As mulleres subíronse á bicicleta pola igualdade

Por primeira vez, Carballo celebrou o domingo o Día sen Coches, pechando ao tráfico rodado varias rúas para convertelas en espazos de xogo para pequenos e maiores. Así, dende as 10.00 ata as 22.00 horas Vila de Laxe, Eduardo Pondal, Concepción Arenal, Cervantes e Valle Inclán estiveron libres de coches, e no asfalto instaláronse módulos skate-park para uso con patinetes e bicicletas, e desenvolvéronse diversos xogos e actividades deportivas.

A iniciativa estivo enmarcada no programa da Semana Europea da Mobilidade, e complementouse cun obradoiro para mulleres que levaban tempo sen andar en bici e que queren recuperar o hábito ou queren mellorar as súas habilidades.

Monitores do Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino encargáronse de achegarlles os coñecementos necesarios nunha sesión teórico-práctica que rematou coa ruta Pedaleando pola igualdade, na que colaborou a Concellaría de Igualdade e Benestar.

Hoxe continuarán as actividades, coa celebración do Día da Accesibilidade en colaboración coa Asociación Íntegro. Pola mañá, os participantes ocuparán con cadeiras de rodas varias prazas de aparcamento da rúa Cervantes para chamar a atención sobre a necesidade de respectar os espazos de estacionamento reservados para persoas con mobilidade reducida. Pola tarde, continuarán as actividades cun chequeo á accesibilidade nos barrios da Cristina e A Milagrosa.

A Semana Europea da Mobilidade rematará mañá coa colocación de aparcabicis e o pintado das rutas do Pedibús. Os actos comezaron cun circuíto de seguridade viaria para bicicletas e patinetes no que participaron 44 nenos e nenas; a entrega de agasallos ás sete persoas que se achegaron pedaleando á feira carballesa; unha andaina con Senda Nova pola Ruta dos Muíños do Pan e una ruta urbana en bicicleta con máis de corenta ciclistas.

Pola súa banda, o Concello de Mazaricos sumarase o martes ao Día Mundial Sen Coche e porá ao dispor da veciñanza bicicletas eléctricas para usar de balde. As persoas interesadas poden chamar ou enviar un whatsaap ao 981 867104 para facer a reserva. Deberán indicar a súa dirección para facerlle entrega da bicicleta no domicilio. Recolleranlla o mércores.

Ademais, sortearán o uso de catro bicis eléctricas durante unha fin de semana entre as persoas que suban ás súas redes sociais (Facebook ou Instagram) o uso de transportes alternativos, etiqueten ao Concello e usen o cancelo #EuÚnomeAoDíaSenCoche.

20 sep 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.