Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Carballo, o epicentro administrativo, económico e comercial da comarca de Bergantiños

Con máis de 31.0000 habitantes e preto das 20.000 vivendas é un dos municipios máis densamente poboados da provincia de A Coruña

Carballo, como cruce de camiños entre Santiago, A Coruña e Fisterra, é a capital bergantiñana.

O municipio ten un total de 18 parroquias. A de San Xoán Bautista é a máis urbana e concentra a máis da metade da poboación (máis de 20.000 sobre un total de 31.350 aproximadamente).

Segundo os datos do IGE, o número de habitantes de Carballo no 2019 era de 31.349 - 15.342 homes e 16.007 mulleres-. Por idades, destaca que o 50,3% do total son persoas de 31 a 64 anos. A segunda porcentaxe máis elevada corresponde á franxa de idade dos 16 aos 30 anos (14,4%). Como dato curioso, no conxunto do municipio hai 11 centenarios/as.

O 60 por cento dos carballeses viven no núcleo urbano, que conta cunha importante franxa de poboación xoven.

O 5,2% son menores de cinco anos e o 8,4% sitúanse entre os 6 e os 15 anos. Ante unha considerbale poboación infantil: hai 4 colexios públicos e 1 concertado na zona urbana, e outros dous colexios públicos en Razo e Sofán, ademais das escolas unitarias, agrupadas no CRA Ponte da Pedra. Tamén hai tres institutos de secundaria e dúas escolas infantís (garderías) públicas e tres privadas.

O municipio é na actualidade un núcleo dinámico que atrae á xente dos arredores.

Cos seus máis de 31.000 habitantes e preto das 20.000 vivendas, é a día de hoxe un dos máis grandes de toda a comunidade e dos máis densamente poboados da provincia de A Coruña.

Podemos dividir o concello, en dúas partes: unha zona de costa (Razo-Baldaio) cunha actividade económica moi ligada ao turismo e ao surf, fundamentalmente, e zona de interior, máis adicada aos sectores primarios (agro, gandería e forestal).

INSTALACIÓNS. Ante unha cifra elevada de habitantes son numerosas as instalacións deportivas. Hai dous grandes complexos deportivos con pavillóns, piscinas e ximnasios, un circuíto de motor municipal, o Complexo deportivo As Eiroas (2 campos de fútbol). A maiores hai pistas polideportivas en varias parroquias do concello e máis de 50 entidades deportivas.

Entre as instalacións culturais destaca: o Pazo da Cultura, o Museo de Bergantiños (tamén é oficina de turismo), as dúas bibliotecas municipais e a Rede de centros sociais nas parroquias (dispoñible en todas as parroquias menos nunha, onde xa está en trámite).

A maiores están as instalacións para formación. A formación concéntrase no Fórum Carballo, un complexo formado por cinco naves (unha administrativa e o resto con talleres de todo tipo: soldadura, electricidade, cantería, carpintería, gravado, informática.... e tamén na Escola Municipal de Hostalaría.

O recentemente construido Forum de Carballo, é mostra da aposta emprendedora do municipio. Nace como espazo de encontro, de formación continua, de asesoramento e impulso á I+D das empresas, pequenos comercios e sector autónomo do municipio. En concreto, o Fórum ten capacidade para desenvolver, nestes momentos, un total de 25 especialidades formativas homologadas que teñen como obxectivo facilitar unha formación axustada ás necesidades do mercado laboral e encamiñadas á obtención de certificados de profesionalidade.

ECONOMÍA CARBALLESA. A industria de Carballo destaca en sectores como o plástico, o metal, a maquinaria agrícola, as conservas ou o automovilismo. En canto ás empresas, a máis importante é Conservas Calvo, que leva o nome destas terras por todo o mundo. A maiores conta cun polígono industrial moi potente, o que máis demanda de solo ten de Galicia, e que está prácticamente esgotado, á espera dunha ampliación por parte de Xestur. No polígono hai empresas como Casas Cube, Hierros Añón ou Placasa.

A economía carballesa está moi ligada tradicionalmente ao comercio e ás feiras, que se celebran todos os xoves (mercado), os segundos e cuartos domingos de mes (feira) e o quinto domingo cando o hai (feirón).

A capital de Bergantiños destaca, sobre todo, polo seu espíritu “feirante”. O núcleo urbano está repleto de pequenos comercios, de tendas de cercanía e de negocios de hostelería, que se caracterizan por unha estreita relación de confianza coa xente do lugar.

A súa feira é das máis concurridas da comarca, e a ela acoden os labradores dos arredores cos produtos das súas terras. O mercado, con instalacións modernas, funcionais e recentemente reformadas, ten unha amplia oferta de alimentos extraídos dos campos e da costa da comarca.

A SÚA COSTA. Un lugar que, ademais, ten moito que ofrecer e que dar a descubrir a nivel turístico: a riqueza do seu espazo natural protexido Razo-Baldaio, incluido na Rede Natura; a beleza da súa costa, que conforma un dos arenais máis largos de Galicia; o valor ambiental da laguna de Baldaio, un das zonas húmidas galegas máis importantes e destacado punto de observación de aves. Por último, o río Anllóns. O seu transcurso vertebra o municipio e o seu núcleo urbano.

Entre o mar e a terra,entre o impulso dun pobo comercial e de servicios, e un rural que destacou sempre pola fertilidade das terras de Bergantiños, Carballo augura unha expansión cara o futuro.

16 sep 2020 / 00:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.