Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Carballo participa no Foro das Cidades que se celebra en Madrid

Recibirá a Escoba de Plata polo proceso de transformación da vila dun xeito sustentable

Carballo. O Concello carballés estará presente no maior evento sobre xestión urbana sostible, o Foro das Cidades, que se celebra en Ifema (Madrid) e xuntará 60 cidades e máis de 200 relatores do mundo da xestión municipal, a empresa, a universidade, as consultorías técnicas e o ámbito social.

O Foro 2022 propón un debate aberto e participativo en aspectos como planificación urbana, xestión do espazo público, mobilidade, renaturalización, innovación social e participación cidadá, cidade e infancia, conectividade, economía circular, cambio climático, calidade do aire, etc. O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, representará a Carballo nunha mesa redonda sobre como combater as soidades urbanas, que se celebrará o mércores, día 15.

Carballo será ademais un dos 16 municipios pertencentes á Rede de Cidades que Camiñan que participarán nalgunha das numerosas sesións do Foro das Cidades, na que tamén intervirá a directora técnica da Rede, Ana Montalbán, nunha sesión dedicada ás cidades saudables. Os outros municipios da Rede que se escoitarán no foro son Xetafe, Alacante, Torrelodones, Zaragoza, Córdoba, València, Pontevedra, Pamplona, Vitoria-Gasteiz, Valladolid, Bilbao, Palma, Cádiz, Soria e Sevilla.

En paralelo ao programa, e dentro da plataforma dixital do evento, organizaranse exposicións, talleres, seminarios e showrooms.

Tamén este mércores, noutro pavillón de Ifema, Carballo recollerá o premio Escoba de Plata (Vasoira de Prata), outorgado pola Asociación Técnica para la Gestión de Residuos y Medio Ambiente (Ategrus) en recoñecemento ao proceso de transformación urbana, baseado na sustentabilidade, que está a vivir o concello.

O xurado valorou a transformación urbana iniciada no ano 2004 co obxectivo de crear “unha cidade sostible, realizando en todo momento accións de concienciación, sempre da man da cidadanía, xa que todas as accións transformadoras buscan a complicidade da poboación a través do coñecemento”.

15 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.