Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Carballo pechou o último exercicio con once millóns de euros de remanente

O goberno seguirá incorporando ese aforro para mellorar as infraestruturas e servizos

Os 25.972.402 euros do orzamento de 2020 aprobados inicialmente no Concello de Carballo convertéronse en 39.598.388 grazas ás achegas e incorporacións do remanente que se foron realizando ao longo do exercicio. Este ano cumpríu a regra de gasto e o límite de débeda, pero non o requisito de estabilidade orzamentaria, xa que o resultado do 2020 é de -1.089.106 euros, “a pesares de que sae un remanente de tesourería de máis de 11 millóns. Que máis estabilidade quere un concello? É o colmo do despropósito”, manifestou o alcalde, Evencio Ferrero.

O obxectivo do goberno municipal de cara ao ano 2022 é seguir incorporando remanentes, como xa se fixo este ano e o pasado por algo máis de seis millóns de euros en total, para, como declarou o rexedor, “seguir atendendo as necesidades que un concello como Carballo sempre ten”.

Ferrero enlazou os datos orzamentarios cos resultados da xestión tributaria correspondentes ao primeiro semestre do ano, no que se puxeron ao cobro os padróns do imposto sobre vehículos, lixo de vivendas e vaos. Segundo o informe provisional dos servizos económicos, as porcentaxes de recadación están en niveis previos á pandemia e mesmo superiores. En vehículos, por exemplo, puxéronse ao cobro preto de 20.000 recibos e xa se materializaron o 88,76% (o ano pasado en todo o ano o 85,69% e no 2019, o 89,30%). En lixo de vivendas, con 18.300 recibos, xa están cobrados o 93,16% (no 2020 en todo o ano foi o 92,13% e no 2019, o 92,64%). En vaos xa se acadou o 96,02% recadado (no 2020 foi o 95,05% e no 2019, o 96,27%).

O alcalde destacou a efectividade dos servizos de recadación e, moi especialmente, “a sensibilidade e o compromiso que temos os veciños e as veciñas de Carballo á hora de atender as nosas obrigas para co Concello. Son porcentaxes inalcanzables para a maioría dos municipios”, asegurou.

Destacou que ese compromiso social é a consecuencia tamén dunha presión fiscal moi baixa, xa que os impostos e as taxas son das máis reducidas dos concellos do seu nivel e mesmo doutros moito máis pequenos, e tamén das facilidades que se ofrece á veciñanza para o fraccionamento dos pagos. Todos estes números reflicten “a boa saúde económica do Concello de Carballo, que, malia ter que facer fronte o ano pasado aos gastos extra derivados da COVID mantivo un nivel altísimo de contratación, con case 6,5 millóns de euros en subministros, obras e servizos”, concluíu o rexedor.

02 sep 2021 / 18:54
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.