Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Carballo reciclou o pasado ano dezaoito toneladas de aceite

Evitouse así a contaminación de vinte millóns de litros de auga // Hai trinta puntos de recollida

Os carballeses e carballesas seguen reforzando o seu compromiso co medio ambiente e a reciclaxe de residuos xerados nos seus fogares. Así o reflexan os rexistros do servizo de recollida de aceite de cociña usado, implantado en agosto de 2018.

Dende entón, a media mensual non parou de medrar, e sitúase nestes momentos nos 1.317 quilos, segundo os datos facilitados ao Concello pola empresa xestora autorizada que presta o servizo.

No recén rematado ano 2020, a veciñanza de Carballo depositou nos colectores específicos un total de 18.303 quilos de aceite, “o que permitiu evitar a contaminación de 20.133.300 litros de auga”, segundo sinalan.

Actualmente, no concello de Carballo hai trinta puntos de recollida, a maior parte distribuidos polos distintos barrios do casco urbano. Non obstante, segue a estenderse polas parroquias a experiencia piloto iniciada en Razo, Pedra do Sal e Berdillo, e nestes momentos tamén hai colectores na Feira de Berdillo-Artes, Imende-Noicela, Xoane-Goiáns, Sísamo e Sofán, dando así resposta á demanda dos propios veciños, indican fontes municipais.

Unha das vantaxes deste novo sistema, engaden, “é que os colectores están situados na vía pública, o que permite que poidan ser utilizados os 365 días do ano e as 24 horas do día”.

A recollida nos novos colectores vai dirixida aos fogares. As familias deben depositar o aceite de cociña usado en botellas de plástico reutilizadas e pechadas. A utilización é moi desigual duns puntos a outros. Os máis utilizados na zona urbana son os situados xunto a supermercados e ao Mercado Municipal. Na zona rural, pola súa banda, o que máis uso ten é o de Berdillo.

Para facilitar o depósito do aceite, desde o Concello de Carballo ofrecen á veciñanza funís adaptables ás botellas. Os interesados poden solicitalos, de balde e ata fin de existencias, no departamento de Medio Ambiente, nas oficinas municipais do Concello.

compostaxe
Pioneiros no plan ‘Ti tes a chave’

··· O Concello carballés foi pioneiro en Galicia na implantación da compostaxe urbana de residuos orgánicos ao amparo do proxecto ‘Ti tes a chave’. Os usuarios adheridos ao citado plan, coñecidos como “voluntariado marrón”, despositan os residuos sólidos urbanos nuns colectores específicos que están pechados con chave.

A iniciativa foi testeada con éxito con 26 familias voluntarias do barrio da Milagrosa no 2017 e agora estendeuse a outros puntos da capital municipal.

Quenes desexen sumarse poden solicitar a súa alta no Concello, ou cubrindo un formulario dispoñible na páxina web carballo.gal. A cada familia entréganlle un kit que inclúe un cubo aireado de 10 litros, tres packs de bolsas compostables, información e a chave do contedor.

08 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.