Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Carballo suma máis de mil cinconcentas chaves para abrir os colectores marróns

Familias e produtores enviaron á planta de compostaxe de Sogama 658 toneladas de residuos orgánicos para transformalos en compost de alta calidade

As familias e os grandes produtores de Carballo que participan no programa Ti tes a chave depositaron no primeiro semestre deste ano 165.020 quilos de residuos orgánicos nos colectores de cor marrón espallados por toda a zona urbana. Dende a posta en marcha do servizo de recollida selectiva, en xullo do ano 2020, dende a capital de Bergantiños enviaron á planta de compostaxe de Sogama un total de 658.620 quilos de bio-residuos.

Dende o Concello agradecen a colaboración das 1.472 familias e dos 115 grandes produtores que están comprometidas coa xestión sostible dos residuos orgánicos, e convidan a os que aínda non participan no programa a que se sumen, “porque todas e todos podemos reducir os residuos e fomentar a compostaxe”, afirman.

Os residentes na zona urbana poden solicitar a chave para abrir os colectores marróns. Basta con achegarse de luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas, ata o local de Carballo Limpo, situado no número 34 das galerías da rúa Desiderio Varela. Entregaráselle un caldeiro de 10 litros de capacidade para facilitar a separación dos restos orgánicos no fogar, tres atados de bolsas compostables que poderán repoñer cando as acaben, un tríptico informativo e, por suposto, a chave. E todo de balde.

E aqueles veciños e veciñas que residen en calquera das parroquias e dispoñen dun terreo de 50 metros cadrados, como mínimo, poden participar no programa de compostaxe doméstica e aproveitar directamente o compost para a horta, como xa están facendo 716 familias carballesas.

Os interesados en sumarse a esta iniciativa poden descargar a solicitude da web municipal (carballo.gal) e presentala unha vez cuberta no Rexistro Municipal (telematicamente ou de maneira presencial, con cita previa no 981 704100).

Neste caso cada usuario recibirá, tamén de balde, un composteiro individual de 390 litros de capacidade, fabricado con materiais reciclados e reciclables, e un aireador, e se nalgún momento se precisa material estruturante pode recollerse xunto ao Punto Limpo de Bértoa.

Dende o Concello carballés apostan pola compostaxe “como a fórmula máis axeitada para a xestión da quinta fracción dos residuos e que ademais contribúe á redución das emisións de CO2”.

12 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.