Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ciencia en Dombate para poñer luz aos segredos da COVID

A catedral do megalitismo acollerá a expertos que traballan en primeira liña contra o virus

As segundas aulas científicas da Luz da Ciencia abordarán dende o dolmen de Dombate (Cabana) os segredos da COVID da man de expertos que traballan en primeira liña para combater o coronavirus.

Federico Martinón Torres, coordinador e Xefe do Servizo de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago, presentará a ponencia Covid-19 e vacinas. Quen pode máis?; Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago (USC), aclarará Por que algúns teñen problemas graves coa Covid e outros son asintomáticos? A xenética do hóspede; Marisa Juanes Carrasco, doutora en Ciencia e Tecnoloxía Química pola USC, disertará sobre A importancia da química na loita contra a Covid-19; e Margarita Poza Domínguez, investigadora sénior do Instituto de Investigación Biomédica e profesora asociada da UDC falará dos Sistemas epidemiolóxicos de alerta temperá: entendendo a evolución da pandemia da Covid-19 en augas residuais.

Ademais das aulas individuais, Ángel Carracedo e Federico Martinón uniranse ao catedrático de Física Aplicada da USC e coordinador das aulas científicas, Jorge Mira, e ao xerente da Área Sanitaria da Coruña-Cee, Luis Verde Remeseiro, para debater sobre a loita contra a enfermidade nunha mesa redonda co título Que podemos facer para mellora-la loita contra esta pandemia?.

As sesións serán gravadas no dolmen de Dombate o venres e o sábado, e o seu contido estará accesible para o público a través das páxinas web e das redes sociais da Deputación da Coruña e do Concello de Cabana, organizadores das aulas, a partir do vindeiro 10 de xuño.

O rexedor cabanés, José Muíño, valora “a sensibilidade da Deputación por pensar en Cabana e no medio rural” para promocionar a ciencia, e agradeceu o traballo do físico baiés, Jorge Mira. Este resaltou na presentación das xornadas que son “un dos exemplos máis bonitos que coñezo en Galicia” e demostran que “o rural é compatible coa alta ciencia e a presenza de profesionais, científicos e divulgadores de primeiro nivel”. Subliñou ademais que, dende Dombate se porá luz ao debate xurdido coa segunda dose para os menores de 60 anos que recibiron a primeira de AstraZeneca.

Pola súa banda, o deputado de Patrimonio, Xosé Luis Penas agradeceu a disposición das persoas participantes e asegurou que “as primeiras aulas superaron totalmente as nosas expectativas e esta segunda cita conta con todos os ingredientes para ter un éxito aínda maior”.

25 may 2021 / 18:19
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.