Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
CORISTANCO. Rexentou a emblemática Casa Sánchez, afamada polo seu cocido // Foi distinguida polo Concello de Lalín // No 1966 abriu, xunto ao seu marido, un ultramarinos TEXTO Lorena Rey

Clarisa Fernández, medio século ao servizo do rural

Clarisa Fernández Muñiz (Erbecedo, 1944) foi unha das catro mulleres homenaxeadas este ano polo Concello de Coristanco dentro da súa iniciativa polo 8M co título O Encomio da muller. “Hai moitas mulleres no municipio que podían ser elixidas igual ca min. Son todas rurais e de traballar moito”, sinala. Clarisa recibe o recoñecemento pola súa longa e exitosa traxectoria no mundo culinario.

Foi no ano 1966 cando xunto ao seu marido, Manuel Sánchez, abriu un pequeno bar-ultramarinos, ao que ela se refire como “a típica taberna de aldea”. Nel vendían un pouco de todo. Xabón para a roupa, xa que daquela non había lavadoras; aceite; arroz ou azúcar a granel... Tamén era destacable a venta de carburo con motivo de que na maior parte dos fogares carecían de electricidade. A maiores, durante moitos anos tamén dispensaron penso e abono para os pequenos labradores do lugar. Con decisión, no ano 68 sacou o carné de conducir sendo unha das primeiras da parroquia. “Ao mellor viña unha señora, compraba aceite e dicíame que precisaba penso para o gando. Como tiña dous kilómetros ata a súa casa pois xa a levaba a ela máis a compra”, conta.

Co paso dos anos a vida foi cambiando. “A partir da década dos 70 a xente empezou a ir a comprar a grandes superficies e vendíase menos. A xente viña ao ultramarinos por cousas que se lle esquecían ou que eran de urxencia”, recorda.

Así pouco a pouco foron deixando o negocio e adicándose máis ás comidas na emblemática Casa Sánchez, onde Clarisa estivo sempre ao fronte da cociña. “Antes non había tanto restaurante e todo se centraba no menú do día. Non existía iso de andar escollendo á carta”, afirma. Ela facía dous pratos: un primeiro e un segundo. Sempre preparou comida tradicional, sendo o cocido un dos pratos máis reclamados. En realidade nunca se plantexou se realmente lle gustaba o mundo da gastronomía. Simplemente foi o que ela escolleu.

“Sempre digo que cando toca facer unha cousa con cantas máis ganas a fagas, menos traballo supoñerá”. Como recoñecemento a toda unha vida adicada á gastronomía recibiu no 2013 un galardón por parte do Concello de Lalín, organizador da coñecida Feira do Cocido. Un ano máis tarde, no 2014, foi a primeira muller en dar un pregón na Festa da Pataca coincidindo coa 34 edición. Unha celebración coa que Clarisa mantivo sempre un gran vínculo.

Na actualidade son os seus dous fillos os encargados do restaurante, aínda que polo momento Clarisa non está xubilada. “Non dirixo o negocio pero sempre fago cousas porque son incapaz de estar sen facer nada”, recoñece.

Clarisa non está a pasar o seu mellor momento a consecuencia de sufrir un ictus no pasado mes de xuño. Pouco a pouco está a recuperar a movilidade pero nada é como antes. “Afectoume moito. Antes saía todos os días da casa. Ía buscar aos nenos á escola, acercábame ata Carballo para tomar un café, acudía a actividades...”, conta.

Que concidise cos meses de pandemia foi algo que non axudou á enfermidade. A esperanza e o ánimo para recuperarse están aí e seguirá loitando como sempre fixo.

21 mar 2021 / 01:59
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.