Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Coristanco traballa a prol da valorización da pataca

Xunta e Concello impulsarán un plan estratéxico // Barallan distintos intrumentos de mobilización e agrupación de terras

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha xuntanza por videoconferencia co alcalde de Coristanco, Juan Carlos García Pose, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé.

No encontro, analizaron distintas medidas para impulsar o sector da pataca, de vital importancia para este municipio coruñés. Así, o conselleiro aproveitou a reunión para trasladarlle ao rexedor a intención de implicar ao Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte na elaboración dun plan estratéxico para potenciar a produción do tubérculo na zona, ao abeiro da IXP Pataca de Galicia.

Deste xeito, a finalidade é abordar un estudo de mercado para avaliar as distintas posibilidades existentes para darlle un pulo a este cultivo.

Co obxectivo de ir máis aló e ampliar a superficie desta e outras producións no concello de Coristanco, no encontro tamén se analizaron os distintos instrumentos de mobilización de terras que terán especial implantación tras a aprobación da futura Lei de recuperación da terra agraria. Así, falouse das vantaxes que ofrecen os polígonos agroforestais, pero tamén de mecanismos como as agrupacións de xestión conxunta.

O alcalde de Coristanco, Juan Carlos García, asegura que “no noso concello hai interese pola terra porque hai produtos que lle dan valor; un deles é a pataca, pero tamén outros, como o millo para o consumo gandeiro”. O que se pretende con estas iniciativas analizadas coa Xunta “é aproveitar as ferramentas existentes para conquerir unha ordenación do territorio que favoreza tanto aos propietarios das terras como aos produtores e, deste xeito, ao propio municipio”, sinalou.

García sinala que o problema actual de Coristanco, como en outros moitos concellos, é a fragmentación das parcelas, sobre todo naquelas zonas onde non se levou a cabo unha concentración. Por iso considera que as ferramentas da futura Lei recuperación da terra agraria “poden ser unha solución máis dinámica e rápida que acometer novas concentracións parcelarias”. Permitirá, engade, ordenar as terras en unidades que favorezan os cultivos e a utilización de maquinaria, e con elo un mellor aproveitamento das mesmas.

En Coristanco, segundo o alcalde, hai dúas ou tres zonas susceptibles de ser reordenadas “e agora haberá que ver a disposición da xente”. Sinala que son varias as posibilidades, o alugueiro, a venda ou o intercambio de propiedades para poder agrupalas.

Paralelamente á reordenación das terras, tentarán implicar ao GDR para desenvolver un plan extratéxico que permita revalorizar a pataca de Coristanco, que “xa está posicionada de forma natural e véndese ben, pero fai falta unha estandarización a través dunha marca de garantía que a vincule a este territorio”, sinalou o rexedor. Subliñou que é “unha fonte de riqueza que debemos coidar, preservar e garantizar que siga sendo así no futuro”.

Por outra parte, na xuntanza avanzouse que no monte veciñal en man común Río do Sol, baixo xestión da Xunta de Galicia, vaise tramitar -ao longo do primeiro semestre deste ano- un proxecto de tratamentos silvícolas por un orzamento que supera os 237.000 euros. A iniciativa contempla rozas, podas e a eliminación dos pés ventureiros de acacia e eucalipto. Así mesmo, avaliaron a anticipación aos lumes forestais mediante traballos preventivos, da extinción e da posible contribución do Concello á renovación da rede de puntos de encontro a disposición dos efectivos antiincendios da Consellería.

09 feb 2021 / 18:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.