Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Crearán unha ruta oleira por Buño dende o Forno do Forte

Buño. O deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, e a concelleira de Olaría e Patrimonio de Malpica, Leticia Naya, presentaron ao presidente da Asociación de Olería de Buño, Fran Gorín, e ao vogal, Santiago Becerra, o proxecto de remusealización do Forno do Forte, co obxectivo prioritario de convertelo no gran museo da olaría da man do propio sector.

Entre os retos de futuro cobra forza a posibilidade de relacionar o Forno do Forte cun percorrido máis amplo polos obradoiros dos profesionais que actualmente se dedican á olaría en Buño, así como a necesidade de crear un itinerario expositivo que comece na olaría tradicional e chegue ata a contemporánea. “Dunha banda, trátase de actualizar o Forno do Forte como recurso expositivo e, doutra, de recoller as achegas e suxestións das e dos oleiros para atraer un público cada vez máis amplo e diverso a Buño” asegura Xosé Lois Penas. “Non queremos deseñar un espazo só para visitas senón un proxecto máis ambicioso baseado na experiencia e na creación de vínculos e comunidade”, engade.

Convén lembrar que a Deputación da Coruña vén de iniciar o proceso para remusealizar o Forno do Forte co obxectivo de posicionar Buño como lugar de referencia na tradición oleira da provincia e do país. O proxecto contempla unha reestruturación dos espazos expositivos, reservando un espazo propio para os profesionais da olaría de Buño, coa posibilidade de amosar unha mostra representativa de cada obradoiro e poñer en valor cada marca persoal e fomentando a artesanía diferenciada.

Esta reformulación tamén contempla a substitución dos espazos actualmente dedicados á etnografía por salas multidisciplinares nas que, dunha banda, se poidan programar exposicións temporais con especial atención a artistas de proximidade e, doutra, ofrecer ás persoas visitantes un itinerario pola historia e a cultura da olaría. En conxunto, o proxecto implica tamén un novo deseño da panelización e da sinalización, así como a instalación de sistemas de iluminación e sonorización acordes coas novas funcións do Ecomuseo do Forno do Forte.

01 sep 2021 / 20:22
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.