Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

De vacacións e auxiliando a tres feridos en Malpica

Dúas técnicas de Emerxencias de Verín, que desfrutan duns días de descanso na Costa da Morte, foron as primeiras en socorrelos

A vila de Malpica tinguiuse de loito pola tráxica morte en accidente de tráfico da súa veciña Quiaohong Yan, de 44 anos, de nacionalidade china, que rexentaba dende hai varios anos un bazar na localidade. Aínda que foi evacuada con vida nun helicóptero do 061, a muller faleceu antes de chegar ao hospital coruñés.

Unha desgracia que non se poido evitar, a pesares dos esforzos de Paula Godás e Andrea Maceira, dúas técnicas en Emerxencias Sanitarias de Verín (Ourense) que estes días están a desfrutar dunhas vacacións na Costa da Morte.

Elas pasaban polo lugar do sinistro e foron as primeiras en socorrer e prestar os primeiros auxilios aos tres feridos á espera da chegada dos servizos sanitarios.

Segundo explicou Paula Godás, “foi unha situación moi complicada na que a nosa mente traballou todo o rápido que podía. Mentres esperabamos a que chegara a asistencia médica intentamos calmar e prestar os primeiros coidados ás persoas afectadas”, relatou. Neste sentido, a verinesa destacou “o traballo e a coordinación dos servizos médicos con nós mesmas á hora de atender ós afectados e tratar de resolver a situación”.

Tanto Paula Godás como Andrea Maceira son técnicas en Emerxencias Sanitarias para o 061 de Santiago de Compostela e forman parte do servizo de Ambulancias Sil, que opera no Barco de Valdeorras, A Gudiña e Verín.

Dende o Concello de Malpica quixeron transmitirlle onte “o enorme agradecemento” pola súa acción e esforzo. O alcalde, Walter Pardo, agradeceulles persoalmente o seu traballo en nome do goberno local e fíxolles entrega dun agasallo da Olería de Buño.

“O esforzo e a dedicación de Paula e de Andrea merecen o aplauso de toda a sociedade. Son un modelo a seguir e un exemplo de bondade e calidade humana nunha situación límite”, afirmou.

Neste sentido, o rexedor transmitiu tamén o seu recoñecemento a Melanie, a veciña de Malpica que foi a primeira en avisar a Emerxencias, e todas as persoas que pararon e chamaron. O Concello tamén se puxo a disposición da familia da vítima para prestarlle apoio.

O tráxico sinistro produciuse na tarde do xoves cando dous turismos chocaron frontalmente na estrada que une Carballo con Malpica de Bergantiños, á altura da parroquia de Cerceda, moi preto da base de Protección Civil.

A consecuencia do forte impacto, o coche no que viaxaba a falecida quedou volcado na marxe da vía, e os Bombeiros de Carballo, co apoio do GES de Ponteceso e de Protección Civil, tiveron que excarcerar á muller. Ata o lugar mobilizouse un helicóptero de Emerxencias Sanitarias, que evacou á condutora ata o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, pero debido á gravidade das feridas sufridas, faleceu xa no traxecto sen que os equipos médicos poidesen salvarlle a vida.

Os dous ocupantes do outro turismo implicado no accidente, un mozo de 21 anos e unha moza de 20, tamén tiveron que se trasladados en ambulancia ao hospital da cidade herculina. El permanece ingresado en estado grave, despois de ter que se intervido de urxencia, e ela xa foi dada de alta este venres.

21 may 2021 / 20:06
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.