Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Denuncian que o consultorio de Carballo leva vinte días sen equipo de raios X

O BNG esixe o restablecemento inmediato do servizo e o deputado Daniel Pérez presentará unha iniciativa ao respecto no Parlamento galego

O BNG de Carballo denuncia que o aparato de raios X do centro de saúde local non funciona dende o 20 de maio “e descoñécese cando se vai proceder á súa reparación ou substitución, porque o que non queremos pensar é que tamén se vaia desmantelar o servizo de Rx do cada vez máis precario centro de especialidades”

A situación actual do servizo provoca que “todas as urxencias que precisan dunha radiografía estanse a derivar á Coruña, masificando aínda máis os centros de especialidades de referencia na capital da provincia”. Ademais, engaden, “as citas de preoperatorios repartíronse entre Ponteceso e A Coruña; hai centos de persoas pendentes de volver a citar por non poder ser atendidas, e a medida que pasan os días sen solucionar a avaría aumentan as listas de agarda, co cal non será posible poñerse ao día polo menos ata despois do verán”, afirman.

Dende o BNG esixen “o restablecemento inmediato” do servizo de Rx, así coma medidas de reforzo para acurtar as esperas e restablecer canto antes a normalidade no servizo. Neste sentido, o deputado Daniel Pérez presentará a correspondente iniciativa no Parlamento galego.

“Carballo medra, pero o centro de saúde é o mesmo que se inaugurou hai 30 anos. A saturación é indiscutible, como recoñece a propia Xunta de Galicia no seu Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria 2021”, sinalan os nacionalistas. Na actualidade as instalacións están ocupadas na súa totalidade na xornada de mañá “e ademais estanse a utilizar tres consultas da área de PAC —dúas por medicina de familia e unha por enfermería—, imposibilitando deste xeito as novas incorporacións de profesionais que se prevén necesarias pola oferta de novas prestacións a desenvolver na Atención Primaria”.

Reiteran que Carballo necesita un centro de saúde que responda ás necesidades dunha poboación en aumento e cunha carteira de especialidades “do século XXI”. Aínda que na páxina web do Sergas figuran, “o certo é que a Xunta foi reducindo do centro de saúde de Carballo especialidades coma cirurxía ou xinecoloxía, que dende o BNG consideramos imprescindible recuperar, así coma medicina interna, otorrinolaringoloxía, dermatoloxía e cardioloxía, como mínimo. É fundamental incrementar a carteira de especialidades para evitar desprazamentos á veciñanza e para reducir os altos niveis de masificación que teñen os centros de especialidades de referencia na cidade da Coruña”, engaden.

09 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.