Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Emprendedores. Foron impulsadas por dezaséis promotores de cinco concellos da Costa da Morte // Abarcan os sectores social, económico, cultural e das novas tecnoloxías // Aínda quedan seis prazas para acoller novas ideas TEXTO Lorena Rey

Doce ideas empresariais ven a luz no Coworking de Carballo

O Carballo Coworking, impulsado pola concellaría de Promoción Económica e incluído na rede da Deputación da Coruña, é un espazo de traballo compartido orientado e vinculado ao sector tecnolóxico e da innovación, con capacidade para 18 emprendedores ou empresas de menos de dous anos de antigüidade, aos que se lles facilita a posibilidade de dispoñer non só dun local, senón tamén dunha serie de servizos e infraestruturas que contribúan a mellorar as súas posibilidades de éxito.

Na actualidade, no Carballo Coworking estanse a desenvolver 12 iniciativas empresariais nas que traballan 16 coworkers procedentes de Camariñas, Muxía, Zas, Ponteceso e, na súa maior parte, Carballo. Oito deles son emprendedores, que, de forma individual ou en grupo, están a traballar en seis ideas-proxectos, aínda en fase de pre-incubación, destinadas á creación de empresas, na súa maioría enfocadas ao benestar e servizos ás persoas (asesoría empresarial, consultorías...), iniciativas que forman parte da economía social, cultura, novas tecnoloxías e audiovisual. Nestes sectores tamén se moven maioritariamente as seis novas empresas, nas que traballan oito autónomos, cunha antigüidade non superior a dous anos de exercicio empresarial. Aínda quedan 6 prazas dispoñibles para acoller novas ideas.

Contan con 156 metros cadrados habilitados para un total de 18 postos de traballo. Os usuarios teñen á súa disposición un auditorio; unha aula de formación, tamén destinada a sala de xuntanzas e intercambio de experiencias e ideas; zonas comúns; acceso a medios audiovisuais, conexión a internet de alta velocidade por cable e wifi.

A pesares da paralización durante uns meses debido á COVID e grazas a moitas horas de traballo e altas doses de esforzo e constancia, os emprendedores seguen a traballar nas súas ideas e empresas con gran éxito como é o caso de: Mario Pais Fondo, Fran Pais Fondo e David Fernández Veloso, co-fundadores de Breiko Breiko, que en menos dun mes lograron situarse no número un de popularidade en Google Play grazas a unha app para transportistas, deseñada para mellorar a mobilidade na estrada. Pola súa banda, Nuria Varela Amado, de VivoMacramé, artesá autodidacta abriu este ano a súa propia tenda.

TESTEMUÑA. Martín Graciano, arxentino e residente en Carballo dende o 2018, é un dos autónomos que está desenvolvendo o seu proxecto dende hai uns tres meses. Ofrece un servizo de Deseño Gráfico e Publicidade, xa sexa a empresas, como a particulares ou organismos públicos. “El objetivo es hacer vínculos con otros profesionales y dar a conocer mi trabajo ya que en Carballo es escaso el número de diseñadores”, comenta.

Nestas semanas, a maioría dos coworkers non acoden ao centro debido á situación sanitaria. Deste xeito, Martín non pode manter o suficiente contacto cos compañeiros. “La situación es justo la contraria a la idea de coworking, que es trabajar de forma conjunta. No hai ese clima de interacción que yo buscaba”, laméntase. A pesar diso recomenda este modelo de espazo de traballo compartido. Aprender uns doutros, apoiarse e compartir experiencias é o propósito dos coworkers. “Buscamos estar en un ámbito laboral y que surjan ideas de trabajo”, añade.

Martín afirma además que o traballo compartido “te abre las puertas a contactar con futuros clientes”. Agora só espera a que a situación mellore para que exista a posibilidade de crear sinerxias cos proxectos doutros compañeiros, así como perfeccionar o seu servizo.

24 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.