Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Dúas novas sendas en Laxe para os veciños de Serantes e Soesto

Reforzarán a seguridade dos peóns // Planean itinearios semellantes no Couto, en Ponteceso, e en Coristanco

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitou o Concello de Laxe para informar do inicio do proceso polo que se someten a información pública os proxectos das sendas de Soesto e Serantes, que suporán un investimento autonómico de 334.000 euros.

Trátase de dous itinerarios que se construirán ao longo da antiga traza da estrada AC-433 co obxectivo de facilitar os desprazamentos a pé dos veciños e favorecer unha mobilidade máis segura e sostible nestes núcleos.

Vázquez Mourelle subliñou que esta intervención suporá executar en total preto de 1.300 metros de sendas, que se construirán en formigón coloreado, para facelas máis visibles, e de cor terrizonatural, para unha mellor integración na contorna. O ancho deste itinerarios oscilará entre os 1,50 e os 2 metros.

A publicación deste mércores no Diario Oficial de Galicia do inicio da información pública ten efectos expropiatorios, de forma que, como explicou a conselleira, os titulares das 19 fincas afectadas polo proxecto e todos os interesados dispoñen de prazo ata o vindeiro 11 de agosto para presentar as súas achegas.

A titular de Infraestruturas da Xunta indicou que, a partir de aí, continuarase cos trámites necesarios, co obxectivo de licitar as obras a finais de ano para que poidan ser executadas en 2022. Os traballos contarán cun período para a súa execución de 8 meses.

Concretou que a senda do núcleo de Soesto conectará os lugares de O Rueiro e Castrelo a través dun itinerario de preto de 600 metros que se construirá pola marxe esquerda da vía, no treito máis urbanizado e, tamén, o que empregan os veciños para ir á praia de Soesto.

No caso de Serantes, a senda executarase ao longo de algo máis de 700 metros pola marxe da estrada actual, pero apoiada na antiga traza, entre os núcleos de Conlle e O Piñeiro. Neste caso, a conselleira precisou que o itinerario irá pola marxe dereita, para facilitar a conexión coa igrexa de Santa María de Serantes e o cemiterio.

Indicou que as novas actuacións en Laxe se suman á senda peonil e ciclista que conecta a vila e o paseo marítimo, xa en servizo desde o pasado verán, que supuxo un investimento da Xunta de 330.000 €. Con ese itinerario conéctase a zona deportiva, educativa e de lecer de Cabo da Area, centro de equipamentos do municipio, coa propia vila laxense.

Os novos itinerarios súmanse tamén aos 11 quilómetros de sendas construídos no marco da primeira fase do Plan de sendas da comarca de Bergantiños, que culminará coa que se está a executar entre Carballo e Coristanco.

A conselleira avanzou a construción de novas sendas na comarca, como a que está prevista no Couto, en Ponteceso, ou a que conectará o centro comercial de Coristanco. Trátase, dixo, “de actuacións que buscan dotar aos veciños de itinerarios que lle permitan facer os seus desprazamentos cotiás de xeito máis cómodo, seguro e sustentable”.

Vázquez Mourelle puxo en valor o traballo do Goberno galego por favorecer a mobilidade, tamén no transporte público. A ese respecto, subliñou as vantaxes da extensión da tarxeta Xente Nova a toda Galicia o pasado 21 de maio. Iso permite, dixo, que os menores de 21 anos que dispoñen deste dispositivo -40 en Laxe e máis de 2.000 na comarca de Bergantiños- poidan viaxar gratis cara á Coruña ou cara á Santiago, pero tamén polos 313 concellos galegos nos autobuses da Xunta.

30 jun 2021 / 18:27
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.