Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ecovidrio e o Concello de Carballo presentan a campaña “Recicla vidro por elas”

Os ingresos pola reciclaxe irán destinados a proxectos de investigación e prevención a través da Fundación Sandra Ibarra

Ecovidrio, a entidade sen ánimo de lucro encargada da xestión da reciclaxe dos residuos de envases de vidro en España, pon en marcha por quinto ano consecutivo a campaña ‘Recicla vidro por elas’, que chega por primeira vez a Carballo grazas á colaboración do Concello e que conta ademais co apoio da Xunta Local da Asociación Española contra o Cancro.

A presidenta da asociación carballesa, Ana Casais, acompañada por outra compañeira da xunta directiva; a concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade, Maica Ures, e o alcalde, Evencio Ferrero, presentaron a iniciativa xunto aos dous colectores de cor rosa que quedaron colocados n----a rúa Coruña, e que permanecerán durante os próximos días a disposición da veciñanza. A iniciativa persegue, por unha banda, mobilizar á cidadanía para avanzar na reciclaxe dos envases de vidro, e, por outra, contribuír a unha causa solidaria, xa que Ecovidrio transformará os envases de vidro que se depositen nos colectores nunha doazón á Fundación Sandra Ibarra de Solidariedade fronte ao Cancro.

Con esta campaña, na que participan 140 cidades de todo o territorio nacional, Carballo tamén se suma ao labor de investigación, sensibilización e prevención que desenvolve a Fundación Sandra Ibarra. Neste sentido, a concelleira Maica Ures subliñou a importancia de dedicar todos os recursos posibles a eses campos, ao tempo que pediu que o Covid-19 non supoña un freo á investigación sobre o cancro nin á atención e detección precoz, tan importantes no tratamento da enfermidade.


A Fundación Sandra Ibarra é unha organización sen ánimo de lucro cunha traxectoria de doce anos sumando esforzos fronte ao cancro, unha enfermidade que nos incumbe a todas e todos. Durante estes anos, a fundación investiu o seu tempo en dar impulso a campañas e financiar proxectos de investigación, sensibilización e prevención fronte ao cancro, así como ao desenvolvemento da humanización da sanidade.

Concretamente, en bolsas á investigación as doazóns realizadas superan os 2 millóns de euros ata a data. Nos últimos anos, a fundación detecta que, grazas a ese investimento fundamental en investigación, aumentaron os índices de supervivencia e con iso xorde un novo paciente ao que hai que ofrecer unha atención sanitaria específica inexistente ata o momento: o sobrevivente de cancro.

É por isto polo que no ano 2017, co obxectivo de facer fronte ás necesidades asistenciais existentes durante a enfermidade e as que xorden no período de transición no que xa non hai tumor nin tratamento, pero aparecen outras secuelas físicas e necesidades emocionais e sociais, nace a primeira escola de pacientes e sobreviventes de cancro, a Escola de Vida da Fundación Sandra Ibarra.

22 oct 2020 / 19:20
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.