Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

En Costa da Morte buscan saúde facendo sendeirismo de camiño a Compostela

Complementarán as andainas con pregrinaxes virtuais// Persoas con diversidade promoven hábitos de vida saudable

Ca chegada da primavera e animados polos raios de sol que iluminaron a Costa da Morte nas últimas semanas, na Asociación Íntegro pensaron que era o momento de volver a calzar as botas e saír a camiñar, pero dun xeito singular e divertido e co obxectivo de promover hábitos de vida saudable e o contacto coa natureza.

O colectivo, que leva máis de dúas décadas traballando a prol da integración das persoas con diversidade, animou a un grupo de usuarios a realizar o Camiño Inglés, pero sen saír da Costa da Morte. Unha peregrinaxe “á nosa maneira”, aseguran, que os levará a completar os 119,7 quilómetros que separan Ferrol de Santiago de Compostela percorrendo a pé esa distancia por diferentes paraxes Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra. Cando completen ese reto, “faremos unha visita telemática polos lugares máis fermosos e emblemáticos de cada unha das seis etapas do Camiño Inglés”, sinalan dende a asociación.

A semana pasada xa puxeron o contador a anda cunha andaina polo estuario do Anllóns, en Cabana de Bergantiños, durante a cal sumaron os primeiros pasos desta curiosa e divertida iniciativa. Nas vindeiras semanas seguirán camiñando para acadar os cento vinte quilómetros. Eso sí, a última etapa será a oficial, xa que peregrinarán a pé dende o Monte do Gozo até a catedral de Santiago.

“Temos previsto percorrer eses 16,7 quilómetros de forma presencial e coa vestimento de peregrino, xa que se trata dun tramo adaptado para persoas con mobilidade reducida e con todas as garantías de seguridade”, indican.

A iniciativa enmárcase dentro do programa de sensibilización Vida Saudable, co que a Asociación Íntegro vén promovendo diferentes accións formativas e de concienciación para promover hábitos de vida saudables entre os usuarios para así “mellorar o seu benestar físico e mental”, engaden.

Co referido programa tentan tamén de promover actividades que axuden aos participantes a coidar a súa alimentación a partir dunha dieta variada e equilibrada e tamén a practicar exercicio físico a diario.

Agora, aproveitando que xa está permitida a mobilidade xeográfica e que “hai máis horas de luz e sol, botámonos a andar pola contorna para facer deporte e, ao mesmo tempo, reencontrarnos coa natureza desfrutando da beleza paisaxística que nos rodea”, afirman. E como xa teñen as botas postas “e moitas gañas de movernos, decidimos iniciar unha andaina máis longa do habitual”, e así foi como lles xurdiu a idea de facer o que chaman “o noso camiño”.

PREVENCIÓN. Paralelamente, a Asociación Íntegro segue a desenvolver a campaña anual de prevención de lesións medulares, que consiste en xornadas de sensibilización dirixidas aos estudantes de Educación Secundaria.

Durante as memas informan aos mozos e mozas sobre as consecuencias dos accidentes medulares e tentan de conciencialos sobre a importancia de evitar situacións de risco en estradas, praias e piscinas, principais focos de sinistralidade entre a mocidade. As sesión compleméntanse coa proxección do vídeo A ti tamén che pode pasar, cunha unidade didáctica elaborada por Íntegro e cun coloquio para despexar dúbidas.

22 abr 2021 / 18:03
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.