Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

En marcha unha nova edición do obradoiro de emprego larachés

Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e carpintería de madeira e moble son as dúas especialidades ofertadas para un total de 20 alumnos // O orzamento total sitúase arredor ao medio millón de euros

A Laracha. Onte púxose en marcha o Obradoiro de Emprego A Laracha VI. O programa de formación foi presentado este mediodía na Casa da Cultura nun acto copresidido polo alcalde, José Manuel López Varela, e o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor.

Nesta ocasión o obradoiro estará centrado na posta en valor de zonas verdes e espazos públicos e dividido en dúas especialidades: actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e carpintería de madeira e moble. Formarán parte deste programa dual de formación e emprego cinco persoas que comporán o equipo directivo, formativo e administrativo (directora, un mestre para cada unha das dúas especialidades, un mestre/titor e un auxiliar administrativo) e vinte alumnos-traballadores (dez en cada especialidade) que durante os nove meses de duración do programa estarán vinculados ao Concello cun contrato formativo coa correspondente remuneración económica. O orzamento sitúase en torno ao medio millón de euros, cunha subvención de 346.946 euros da Xunta de Galicia máis a achega municipal que ascende a 147.000 euros.

Todos os alumnos e alumnas que rematen a formación de xeito óptimo recibirán un certificado de profesionalidade na especialidade correspondente que terá validez en todo o territorio nacional.

As dúas especialidades realizarán a formación teórica nas instalacións do edificio administrativo da Laracha, ademais de contar cun taller nun dos edificios municipais do parque empresarial. Os proxectos que realizarán consistirán na mellora do paseo fluvial de Gabenlle, a creación dun novo peche perimetral no Centro de Interpretación dos Muíños de Golmar e a posta en valor de zonas verdes públicas como a área recreativa de Gabenlle e a situada xunto ao parque empresarial, repoboándoas de árbores e vexetación autóctona e dotándoas con mobiliario urbano co propósito de mellorar as súas condicións para promover o seu uso e disfrute por parte da cidadanía.

José Manuel López Varela expresou o seu agradecemento polo “compromiso da Xunta de Galicia” para poder levar a cabo “un dos mellores programas de formación que pode ter un Concello”. O alcalde deulle os parabéns aos alumnos que foron seleccionados, animándoos a aproveitar esta oportunidade de “formaros, aprender un emprego, recibir formación práctica e teórica realizando obras para uso e disfrute da cidadanía larachesa e que dentro de nove meses teñades a oportunidade de atopar traballo”.

Por outra banda, Gonzalo Trenor tamén se referiu a este programa como “unha gran oportunidade que os participantes debedes aproveitar”. O delegado da Xunta valorou a calidade do proxecto presentado polo Concello da Laracha e lembrou que “un sesenta por cento dos alumnos dos obradoiros atopan traballo vinculado á formación adquirida”, polo que considera este tipo de programas como “unha das ferramentas máis útiles e con mellores resultados” na promoción do emprego.

29 dic 2020 / 17:46
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.