Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Formadas vinte persoas para o mundo laboral na Laracha

Están especializadas en carpintería de madeira e en pintura industrial

O obradoiro de emprego A Laracha V rematou este mércores cun acto de clausura celebrado na casa da cultura no que o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor; o alcalde, José Manuel López, e a concelleira de Emprego e Promoción Económica, Rocío López, fixeron entrega dos diplomas aos vinte alumnos traballadores. Durante nove meses, os participantes, que se atopaban en situación de desemprego, tiveron a oportunidade de aprender un oficio, realizar obras en infraestruturas públicas de interese xeral para a cidadanía larachesa e obter unha remuneración económica durante o período formativo.

Dez dos alumnos realizaron a súa actividade na especialidade de carpintería de madeira e os outros dez na de pintura industrial. As obras levadas a cabo consistiron na renovación da pasarela de madeira do paseo fluvial e melloras en instalacións municipais como o complexo deportivo da piscina, casa da cultura, casa do concello, edificio administrativo, centro sociocultural de Paiosaco e a pista polideportiva de O Vilar en Cabovilaño.

O delegado da Xunta lembrou que este obradoiro contou cun investimento de máis de 400.000 euros. “Agora toca saír a buscar un emprego co aval da mellor formación nunha área na que existe unha gran demanda”, afirmou Trenor. Dirixíuse aos alumnos-traballadores sinalando que agora “estades mellor preparados ca nunca para conseguir un posto de traballo ou para emprender proxectos propios, porque contades cun título oficial válido en toda España que acredita a vosa preparación”, e animounos a “poñer empeño e vontade" para acadar os seus obxectivos.

O alcalde, José Manuel López, agradeceu á Xunta a posibilidade de realizar este programa e apuntou que “a colaboración entre as administracións é esencial para que os veciños teñan a oportunidade de formarse para aumentar as súas capacidades e, por tanto, as oportunidades de atopar un posto de traballo”.

Valorou tamén as actuacións realizadas na mellora das infraestruturas públicas, que cualificou como “un traballo feito para a cidadanía” e lembrou aos participantes que agora o Concello está a súa disposición no procedemento de busca activa de emprego.

López Varela sinalou ademais que está en marcha o proceso de selección de persoal para a sexta edición do obradoiro de emprego, que comezará a principios de 2021. A este respecto, Gonzalo Trenor lembrou que nas comarcas de Bergantiños e Costa da Morte está prevista a realización de tres novos obradoiros: dous ordinarios duais e un de garantía xuvenil. O primeiros desenvolveranse na Laracha e, de xeito conxunto, nos concellos de Muxía, Camariñas e Vimianzo. O de garantía xuvenil xa está en marcha no municipio vimiancés.

O taller larachés centrarase nas especialidades de actividades auxiliares de conservación e mellora de montes e en traballos de carpintería e moble, namentras que o dos concellos da Costa da Morte inclúe formación en promoción turística local e información ao visitante e tamén a especialidade de mellora de montes. A Xunta achega máis de un millóns de euros para os gastos de organización, profesorado e axudas para os participantes.

02 dic 2020 / 16:37
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.