Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Actividades 25-N. Laracha implicará a persoas, familias, establecementos e locais comerciais // Coristanco impulsa a campaña ‘Nin unha cadeira máis baleira’ para concienciar á poboación // Malpica sumouse ao proxecto De Fronte TEXTO J. Ramos

Globos de cómic, concursos e selfies en contra da violencia

Achégase o 25 de novembro, o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, e xa son varios os concellos da Costa da Morte que presentaron as súas iniciativas para axudar a combater esta lacra social. As circunstancias sanitarias obrigan a adaptar os formatos das actividades ás restriccións vixentes pero, aínda así, na Laracha queren seguir, un ano máis, cunha programación específica.

Eu implícome contra a violencia de xénero é o lema elixido este ano polo Concello larachés para desenvolver tres iniciativas nas que implicará á cidadanía, de xeito individual e familiar, e tamén aos establecementos comerciais locais.

A través do proxecto Xanelas distribuirán cen carteis ríxidos e adhesivos en formato globo de cómic con frases contra a violencia de xénero para colocar nas fachadas exteriores dos locais comerciais e das vivendas particulares que o soliciten.

Outra das iniciativas é o proxecto Selfie, que contempla a colocación doutros cincuenta carteis de similares características en edificios municipais e espazos públicos accesibles á poboación. As persoas que o desexen poderán sacarse unha fotografía xunto ao globo de cómic coa frase que considere que mellor representa o seu sentimento de rexeitamento á violencia de xénero e enviala ao Concello vía correo electrónico para ser publicada no Instagram @Xuventudelaracha.

As tres imaxes que obteñan máis “gústame” serán premiadas cunha tableta, un reloxo intelixente e un altofalante portátil. “Con esta iniciativa preténdese a divulgación viral da campaña de concienciación, especialmente entre o colectivo dos mozos, acostumados a comunicar as súas ideas e pensamentos nas redes sociais”, aseguran.

As persoas, familias, establecementos e locais comerciais que desexen participar deben cubrir o formulario de inscrición que xa está dispoñible no portal cidadán do Concello (alaracha.gal).

A terceira das iniciativas Eu implícome contra a violencia de xénero consiste na distribución de bolsas e de máscaras de cor violeta que levan gravado sobre un lazo o lema Eu implícome e o escudo do Concello.

Por outra banda, o programa municipal en torno ao 25 de novembro tamén inclúe unha función dentro dos Venres Teatrais relacionada coa temática da violencia de xénero. Será o 4 de decembro con Soa, o espectáculo protagonizado por unha muller maltratada física e psicolóxicamente á que dá vida a actriz Rogelia dos Outeiros. A peza está dirixida por Fran Rei e inspirada no monólogo de Darío Fo La donna sola. Colabora con esta función a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

En Coristanco, pola súa parte, este ano o lema da campaña é Nin unha cadeira máis baleira, coa que pretenden sensibilizar e concienciar á poboación sobre a necesidade de unirse contra a violencia de xénero. Faino cunha premisa que pretende visibilizar en toda a súa crueza as terribles consecuencias que pode ter mirar para outro lado: unha cadeira baleira. Dende o Concello manifestan o seu rexeitamenteo fronte á violencia e animan á participación “para contribuír así a crear unha sociedade máis respectuosa, saudable e igualitaria, libre de violencias”, afirman.

En Malpica, o Concello sumouse ao proxecto da Deputación: De Fronte á Violencia de Xénero e convida á veciñanza a participar nas diferentes actividades. Asemade, en colaboración coa Asociación Visibles, puxo en marcha un curso de aprendizaxes básicos dixitais e transversais, dirixido a mulleres en procura de emprego e ás que queren mellorar o seu perfil profesional.

05 nov 2020 / 17:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.