Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Imaxes para promocionar os atractivos naturais e patrimoniais da Laracha

Antonio Fernández, gañador do concurso de fotografía, empregou varios meses para captar a lúa chea sobre o santuario dos Milagres

Os concellos da Laracha e Malpica de Bergantiños veñén de premiar a creatividade en forma de fotografía, debuxos e pintura, a través de sendos certames convocados para divulgar os seus atractivos e promocionar o Nadal, respectivamente.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Cultura e Turismo, Patricia Bello, fixeron este xoves entrega dos premios aos gañadores da primeira edición do concurso fotográfico A Laracha no Obxectivo, dotados cun total de 1.150 euros.

Cada galardoado, ademais da gratificación económica, tamén recibiu unha copia impresa en cartón pluma da súa fotografía gañadora. Na modalidade Xeral o primeiro premio (dotado con 500 euros) foi para a foto titulada Lúa chea polo santuario dos Milagres, de Antonio Fernández, na que pode verse o satélite sobre o campanario da capela. Ao atoparse o autor fóra de Galicia, recolleu o premio Mabel Varela, que leu un comunicado escrito polo fotógrafo no que explicou o proceso de varios meses que levou a cabo para tomar a foto da lúa chea –a lúa de outono, tamén chamada lúa da colleita- sobre o templo, a unha distancia duns seiscentos metros e coas condicións climatolóxicas idóneas.

O autor tamén quixo agradecer ao Concello larachés a súa iniciativa, subliñando que permite “poñer en valor todo o potencial turístico do municipio”. O rexedor avanzou que esa imaxe será empregada polo Concello para a felicitación de Nadal institucional deste ano.

O segundo premio (300 euros) foi para Estrelas de Caión, unha panorámica da vila feita por Iván Gómez Costa. O terceiro premio (150 euros) outorgouse a Agarimos á nosa costa, instantánea de Samuel López tomada cun dron e centrada na praia do Caracoleiro, de Caión.

Na modalidade Redes Sociais a imaxe gañadora foi Excepción, de Laura Liset Valdés González, unha posta de sol sobre o mar da praia de Caión. O premio é de 200 €.

O xurado, nomeado polo Concello, estivo formado por Fabiola Lorenzo (fotógrafa e xerente de Foto Manolo), María Castro (propietaria da casa de turismo rural Lugar de Trasande) e Nieves Pardiñas (técnico de turismo do Concello da Laracha).

A través deste certame, o Concello larachés buscaba recoller imaxes de calquera lugar do termo municipal para destacar os seus atractivos, como poden ser o patrimonio material e inmaterial, as paisaxes, a etnografía rural, as aldeas ou as súas xentes.

MALPICA. Pola súa banda, en Malpica, o alcalde, Eduardo Parga, e a concelleira de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes, Noelia Freijeiro, presidiron a entrega de agasallos aos gañadores do Concurso de Debuxo e Pintura de Nadal do Concello, en colaboración cos distintos centros educativos do municipio.

O alumnado de cuarto de infantil do CEIP Milladoiro fíxose co premio ao mellor cartel, que será o que ilustre os folletos de Nadal do Concello malpicán. Os autores recibirán un lote de libros.

Raúl Martínez, de quinto de primaria do CEIP Joaquín Rodríguez Otero, de Buño, fíxose co Premio ao Saúda de Prensa de Nadal, dotado tamén cun lote de libros e a publicación da obra nos distintos medios de comunicación.

Pola súa banda, David Ventura, alumno de cinco anos do CRA A Nosa Señora do Faro, de Barizo, recibiu o Premio Saúda Dixital, dotado cun lote de libros e a publicación da obra gañadora nos saúdas que o Concello divulgará a través das súas redes sociais.

17 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.