Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Laxe indaga na historia para reivindicarse como un porto da vía xacobea

BERGANTIÑOS. O Concello dispón de moitos indicios da existencia dunha antiga ruta xacobea que unía Laxe con Santiago, pero carece de suficientes datos históricos que avalen a súa existencia, polo que só algúns datos documentais de época, e restos no patrimonio local levan a pensar da posibilidade da súa existencia. “Somos tamén conscientes que para poder acreditar a existencia dunha ruta marítima ata Laxe e desde aquí unha ruta terrestre ata Santiago de Compostela deberemos achegar moitos máis documentos, evidencias e citas históricas das que dispoñemos na actualidade”, sinalan.

Laxe, porto xacobeo é un proxecto de investigación histórica que busca proporcionar suficientes probas históricas da súa existencia e co esperan obter datos dos arquivos históricos para que tanto a Igrexa como a Xunta, recoñezan Laxe como porto xacobeo. Con tal fin veñen de adxudicar o traballo de investigación histórica a unha empresa de profesionais con máis de quince anos de experiencia. “Agardamos que nos vindeiros 6 meses poidan recabar dos arquivos históricos de Galicia e do resto de España evidencias claras da existencia de Laxe como porto xacobeo e desde aquí unha ruta de peregrinación por terra que conduciría a Santiago”, afirman.

Se conseguen acreditar a sua existencia “lograriamos un fito moi importante cunha grandísima repercusión e relevancia para o noso municipio nos eidos da cultura, desenvolvemento social e económico, da promoción do turismo e o emprego, polo que supón ser un concello do Camiño de Santiago”, conclúen.

Este proxecto de investigación forma parte das actividades que realiza a Concellería Delegada de Turismo e Cultura dirixida por Raquel Lema, quen asegura que “Laxe ten bastantes razóns históricas para pensar na existencia desa ruta xacobea”. A igrexa da Atalaia polo seu estilo arquitectónico está relacionada coa de San Marcos de Corcubión e coa de Santa María da Areas (Gótico mariñeiro ou galego). Está emprazada ao carón do Mar, e era o primeiro que verían os peregrinos unha vez chegaban. Os condes de Altamira dispoñían dunha casa condal con escudo do antigo reino de Galicia na súa fachada (Casa do Arco) e a igrexa dispón no seu interior dun retablo pétreo en forma de cómic de forte inspiración inglesa. Unha das súas escenas é única na península: a aparición de Cristo resucitado á Virxe María, acompañado polos xustos liberados do Limbo.

Subliña ademais que chama a atención o topónimo Lage/Laxe, abundante nos países escandinavos e que da nome á vila e ao porto, un dos principais asentamentos das colonias vikingas en Galicia. A existencia dun hospital de curas e outro de pobres e enfermos dos que hai testemuño documental son outras das probas. Dona Urraca de Moscoso, no seu testamento de 1498 fai mención a uns cartos que deixa para o hospital de Laxe, e da existencia do hospital de pobres queda o testemuño gráfico de fotografías do Arquivo Fotográfico Vidal. Este último estaría rexentado polos Dominicos, que dispoñen dun mural a Santo Domingo de Guzmán na igrexa parroquial.

A vinculación de Laxe coa dinastía do Moscoso de Altamira, fortemente ligados á cidade de Santiago de Compostela; a parroquia de Santiago de Traba, que acolle a figura de Santiago Cabaleiro ou Matamouros, Santiago peregrino e traslatio, sumado a lenda da cidade de Valverde, son outros dos indicios claros do municipio coa ruta xacobea, segundo apuntan dende o Concello.

A este respecto, resaltan que a importancia que adquire Santiago de Compostela desde a Idade Media “converte á nosa vila nun pequeno porto situado na fachada marítima da antiga provincia de Santiago, a uns escasos 65 quilómetros por terra da tumba do Apóstolo”. Laxe era o porto principal da xurisdición de Soneira, e un dos principais do Condado de Altamira, baixo o dominio do condes Moscoso de Altamira, fortemente ligados a Compostela.

Ademais, engaden, Laxe tiña no século XV un forte intercambio comercial con outras partes da península e de Europa. “Por esta razón, o porto laxense pode ser considerado como un punto de entrada e de saída de peregrinos que acudían a Compostela. Consta que xa no século XII as expedicións navais que partían de Gran Bretaña e o norte de Europa cara á Segunda e Terceira cruzada, entraron pola costa da antiga provincia de Santiago cara ao sepulcro do Apóstolo para solicitar a súa mediación. Pero será a finais do século XIV cando se consolide a chegada de peregrinos por mar, en particular desde Inglaterra. A Coruña converterase no principal porto de entrada, pero non o único. O século XV foi moi importante para o desenvolvemento de Laxe coa construción da súa igrexa, da Casa do Arco, ou da existencia dun hospital para as curas. A vila de Laxe moi probablemente contemplou a chegada de devotos camiño da tumba de Santiago, conformando un dos camiños ingleses”.

A vía marítima incluía, en ocasións, expedicións fretadas especificamente para os peregrinos, pero o máis frecuente era que os devotos aproveitasen as embarcacións que facían roteiros comerciais. Desde a Idade Media, Europa encheuse de hospitais de época e lazaretos. O termo lazareto designaría ás instalacións sanitarias destinadas a illar aos infectados por todo tipo de enfermidades contaxiosas. Nas vilas portuarias, como era o caso de Laxe, era especialmente frecuente este tipo de instalacións, xa que o tráfico marítimo era unha das vías de propagación de moitas enfermidades contaxiosas como a lepra. Na vila de Laxe e no século XV, posible enclave do tráfico comercial e de peregrinos a Santiago de Compostela, había un hospital de curas e un hospital de pobres e enfermos, rexentado por dominicos, orde relixiosa mendicante que se ocupaba dos máis pobres, peregrinos e enfermos.

14 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.