Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Lois García dá por perdido o Plan Único logo de ser rexeitado por segunda vez

Acusa á oposición de boicotear o funcionamento do Concello // PP, APIN e os exsocialistas volveron esixir a súa dimisión

O Concello de Ponteceso será o único municipio da provincia da Coruña que renuncie ao Plan Único, logo de ser rexeitada, por segunda vez, a proposta do goberno (PSOE, tres edís), cos votos en contra do PP (2 concelleiros) e os cinco edís non adscritos (exsocialistas), e a abstención dos dous representantes de APIN.

A única opción que queda agora sería solicitar unha prórroga extraordinaria á Deputación á espera de poder acadar un consenso, pero o alcalde, Lois García, xa dá por perdido o plan, “pois a Deputación deunos un prazo de 10 días, que remata este xoves, para aportar un acordo plenario, e a oposición volveu votar en contra. Ese é o obxectivo deles; o que queren é que Ponteceso perda 758.000 €”, afirmou. Lembra que “xa votaron en contra do pago de facturas a proveedores, quitáronlle as adicacións ás concelleiras e están facendo un boicot ao funcionamento do Concello. A súa intención é destruír e bloquear sen pararse a pensar que co seu voto prexudican á veciñanza”.

Recoñece que gobernar nesta situación “será moi complicado”, pero lembra que cando chegou á alcaldía hai seis anos “atopámonos con 5,5 millóns de euros de débeda, con pagos de obras e servizos xudicializados por contratos a dedo, e parece que queren volver a esa época, pero cantos máis paus nos poñen nas rodas e máis bloqueo nos fan, máis gañas temos de traballar para sacar adiante o proxecto político do PSOE, pois nós non estamos en política para pedir soldos de 300, 400 e 600 euros, senón para traballar pola veciñanza de Ponteceso”.

Unha situación á que se chega despois de que na noite do mércores, a Corporación local celebrase outro tenso pleno que rematou como o anterior e a previa comisión informativa, sen acordo e sen Plan Único, a pesares de que o concelleiro de APIN, Marco Varela, fixo un chamamento a todos para tentar chegar a un acordo porque “como veciño, penso que Ponteceso non pode permitirse o luxo de perder 758.000 euros, que é o equivalente ao 25 por cento do orzamento”, afirmou.

Os edís do PP e os non adscritos negáronse a presentar o plan alternativo que anunciaran días atrás, xa que o portavoz popular, Daniel García, insistiu en que “primeiro ten que asinar a súa dimisión”, en alusión ao alcalde, “e despois traeremos un plan consensuado pola maioría da Corporación local”. Tamén o portavoz de APIN, José Manuel Pose, pediu a marcha do rexedor e mesmo animou ao resto dos grupos a presentar unha moción de censura.

Lois García replicou ás demandas da oposición indicándolle que, para que se produza un relevo na alcaldía, “teñen dúas opcións: esperar ás vindeiras eleccións municipais dentro de dous anos, ou presentar unha moción de censura que saben que non pode saír adiante, xa que os cinco exconcelleiros do PSOE son tránsfugas”.

García Carballido amosou a disposición do goberno a tramitar o plan da oposición se o presentaban, pero non o fixeron. A este respecto, o secretario municipal lembroulles que só se podía votar o ditaminado na comisión informativa, e que a única alternativa é que o alcalde solicite á Deputación da Coruña unha prórroga extraordinaria para poder consensuar unha proposta e volver levala a pleno, situación que semella non ten visos de facerse realidade.

05 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.