Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Luís Polo enxalza en imaxes a labor dos percebeiros no Museo do Mar de Laxe

O fotógrafo donou as instantáneas para que as poidan gozar veciños e visitantes // O Concello creará unha ruta para dar a coñecer o produto e a labor dos mariscadores

Laxe convértese no epicentro do percebe e de todo o que rodea a estes crustáceos coa inauguración no Museo do Mar da exposición Percebe de Laxe, unha doazón de imaxes obtidas polo fotógrafo Luís Polo, para que todos os visitantes que se aproximen á vila as poidan gozar, ao tempo que se pon en valor o gran traballo e esforzo que teñen que realizar todos os días os percebeiros.

Na presentación, Luis Polo, que enxalzou o percebe e todo o que rodea a este prezado crustáceo, estivo acompañado polo delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, e o alcalde laxense, José Luis Pérez, concelleiros da Corporación local, o patrón maior Manuel Villar o xerente do GALP Costa da Morte, Guillermo González, entre outros.

Trenor salientou que o obxectivo desta mostra é poñer en valor as zonas nas que se extrae o crustáceo neste concello coruñés e subliñou a importancia desta iniciativa porque o marisqueo supón un extraordinario motor para a economía local e ademais é un distintivo da supervivencia da cultura popular mariñeira desta zona. Subliñou ademais que a extracción do percebe é un dos sinais de identidade das xentes e do mar de Laxe.

O rexedor, José Luis Pérez, resaltou “o gran traballo realizado polo fotógrafo Luís Polo” e agradeceulle “enormemente que doase estas imaxes para o goce de toda a veciñanza e dos visitantes que se achegan á nosa vila”, e que participe desta iniciativa que é a punta do iceberg do que nuns días converterase na Ruta do Percebe de Laxe, “unha iniciativa máis que necesaria, xa que non soamente se falará do produto, senón que se dará a coñecer a través das súas imaxes, o gran traballo e esforzo que teñen que realizar os nosos percebeiros, que literalmente se teñen que xogar a vida, día a día, para que todos os demais poidamos gozar deste manxar”.

Lembrouse tamén de “todos os percebeiros e mariñeiros que, por unha razón ou outra, perderon as súas vidas realizando o que mellor saben facer: o seu traballo”.

Sinalou ademais que esta mostra é a primeira dunha serie de iniciativas que vai poñer en marcha o Concello de Laxe para a potenciación e promoción deste produto entre as que se encontra a creación da ruta do percebe de Galicia. De feito, engadiu, “a comunidade conta cunha importante produción deste crustáceo coa comercialización de máis de 225 toneladas nas lonxas galegas, que supuxeron uns ingresos de preto de oito millóns de euros”.

24 sep 2021 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.