Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
EN TEMPOS DE COVID. Alba e Rubén, matrimonio bergantiñá, viven en Francia dende o 2013 // Nos meses de pandemia non poideron visitar os seus achegados // Proximamente retornarán de xeito definitivo se a situación económica non llo impide

Máis dun ano sen poder viaxar a Galicia para ver á familia

Moitas persoas están a sufrir a nivel emocional por pasar meses sen poder compartir vivencias con familiares, sobre todos aqueles que están separados por miles de kilómetros.

Alba María Cotelo, natural de Carballo e Rubén Vila, de Buño decidiron emprender unha nova etapa en Francia dende o 2013. “O meu home veu a principios de ano e eu en setembro. No meu caso tiña traballo na hostalería pero el como xeseiro non”, explica Alba. Dende aquela residen xunto co seu fillo Izan de tres anos no barrio San Luís, a cinco minutos da fronteira con Suíza e Alemania.

O matrimonio frecuentaba viaxar a Galicia como mínimo dúas veces ao ano. Coa pandemia de por medio xa pasou máis dun ano dende a última vez que estiveron coa familia.

As medidas restritivas en Francia non son tan severas como aquí. “A vida é bastante normal polo tema de que non tes que levar máscara pola rúa, só se entras a un sitio público ou te reúnes con moitas persoas fóra da casa”, comenta ela. Ademais, os axentes de Policía non se ven na obriga de controlar en exceso porque “a maioría da xente soe respetar as normas”. En Francia está todo aberto pero en Suiza e Alemania só poden abrir os servizos esencias. O matrimonio é positivo para conseguir que as circunstancias non lle afecten demasiado. “Aquí trátase de traballar e vir para a casa. O que máis nos prexudica é o feito de non poder ver á familia”, afirma.

PLANS PARA O NADAL. Nun principio tiñan a idea de viaxar en coche polo Nadal, xa que unha parte importante de voos estaban sendo anulados. Por aquel momento en Francia fixaron o toque de queda ás 20.00 horas que posteriormente establecerían ás 18.00 horas. “Estaban controlando moito e ademais tiñamos medo de que en Suiza puxeran o de facer corentena á xente que viaxara de España”, conta. Isto afectáballe a Rubén para ir traballar e como tampouco disponía de moitas vacacións decidiron non arriscarse.

“O Nadal pasámolo ben dentro do que cabe. Sempre acordándonos dos nosos pero o importante foi poder estar os tres xuntos”, destaca. En Francia non se celebra o día de Reis, nin é festivo pero a familia si o festexou “xa que coincide co meu aniversario”, di Alba. Nestas datas tan sinaladas para todos aproveitaron para facer videochamadas coa familia para estar o máis cerca posible da mesma.

Viaxar uns días a Galicia segue estando na mente de Alba e Rubén, pero ante a incerteza de como estará todo nas próximas semanas non son capaces de marcar unha data.

Ademais, pola súa mente xa rondaba regresar definitivamente á súa terra. “Estamos agardando a ver como afecta definitivamente a COVID á economía. Daríame cousa ter que volver a coller a maleta para aquí”, afirma.

25 feb 2021 / 16:13
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.