Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Malpica, á espera das melloras no porto

Dende a confraría demandan un maior apoio para que volva ser dos máis importantes en Galicia

A confraría de pescadores de Malpica segue á espera de solucións aos problemas de seguridade no porto e da reapertura da vía que une os dous diques e que da acceso á lonxa, a cal foi pechada ao tráfico o pasado 17 de xaneiro.

O patrón maior, Pedro Pérez, considera que os esforzos que está a facer o sector da pesca para reactivar o porto malpicán e volvelo situar entre os primeiros de Galicia, non se están a ver recompensados cun apoio das administracións competentes.

Respecto á referida vía, están pendentes de que Portos lles aporte unha solución. “Dixéronnos que esta semana nos ían mandar uns proxectos, e que a idea é reforzar os piares para poder reabrila ao tráfico e, máis adiante, completar o reforzo de toda a plataforma sobre a que se asenta, pero seguimos á espera”.

Este peche supón que os camións articulados non poden acceder á lonxa, “e os barcos de cerco, salvo que traian cantidades pequenas, xa están descargando na Coruña, porque aquí para sacar o peixe nesta situación fan falta dous ou tres camións pequenos e iso non lles compensa”, sinala o patrón maior.

Agardan tamén unha solución definitiva aos problemas de seguridade debido ás correntes no interior do porto. “Seguen cos estudos pero non vemos accións para arranxar o problema”, afirma, logo de que a semana pasada outro barco volvese a sufrir un percance cando saía polas comportas, onde en 2018 faleceu o patrón dunha embarcación. “Desta vez houbo máis sorte, porque a corrente levou ao barco para dentro, pero de sacalo para fóra poderíamos estar falando doutra desgracia”, indica Pedro Pérez.

Os mariñeiros máis veteranos de Malpica lembran que hai anos presentarase un proxecto para ampliar o porto coa fin de acoller barcos grandes adicados á pesca do atún. Aínda conservan imaxes da maqueta presentada, e entenden que os estudos feitos para ese proxecto deberían aproveitarse. Coidan que ampliando o espigón de abrigo entre 400 e 500 metros “arranxaríase dun xeito moi significativo os problemas de seguridade”, afirma o patrón.

11 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.