Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Malpica e Oleiros únense para impulsar o sector da olaría

Queren establecer sinerxías para darlle forza ao oficio // Onte tivo lugar o primeiro encontro no Ecomuseo Forno do Forte

Os concellos de Malpica de Bergantiños e Oleiros sumarán forzas para impulsar o sector da olaría, un oficio que conta cunha longa tradición e forma parte da identidade dos dous municipios, á vez que supón un dos seus recursos turísticos e económicos.

Así o acordaron onte nunha primeira xuntanza en Malpica promovida pola Deputación da Coruña, na que participaron o vicepresidente provincial, Xosé Regueira; os dous alcaldes, Walter Pardo e Ángel García Seoane, e concelleiros do grupo de goberno malpicán. Todos eles visitaron o Ecomuseo Forno do Forte, en Buño, que é un dos poucos que quedan activos na provincia.

“A olaría é un dos elementos vehiculares tanto de Galicia como destes dous municipios. A esencia pervive intacta ata os nosos días, e temos que agradecer o desempeño diario das nosas e nosos artesánas para mantela viva”, afirmou o rexedor malpicán, quen fixo fincapé na “importancia que ten para construir identidade”.

O seu homólogo en Oleiros e deputado provincial, Ángel García, destacou que o museo de Buño “conserva a historia, como a xente laboraba. Temos que levantar a olaría, vai sendo hora de que se volva ás pezas orixinais, recuperar a historia e o traballo”, sinalou, ao tempo que recoñeceu que “temos moito traballo por diante, pero iso correspóndenos a nós, os políticos”, concluíu.

Pola súa banda, o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, amosou a súa ledicia por “propiciar este acercamento entre vilas oleiras, que históricamente foron un sector económico moi importante para o noso país. Temos que facer que estean moito máis presentes, temos o reto de recuperar o uso da olaría como algo cotiá”, sinalou.

A este respecto, a concelleira de Olaría de Malpica, Leticia Varela, recalcou que “é o momento de volver a sectores primarios e de volver ás raíces, do que é noso e do que queremos vivir. Tamén é o momento de buscar outro tipo de turismo, máis sustentable, porque temos a posibilidade de facelo”. Agradeceu asemade ao alcalde de Oleiros que dende o seu concello contribúan a este achegamento “entre vilas, de cara a tecer redes cun obxectivo común: a olaría”, finalizou.

Antes de visitar o Ecomuseo de Buño, o vicepresidente provincial e o alcalde de Oleiros foron recibidos polo rexedor malpicán no salón de plenos do concello, e convidounos a asinar o libro oficial do Concello de Malpica. Ángel García agasallou ao seu homólogo cun exemplar do libro Ensemble Isaac.

22 oct 2020 / 17:08
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.