Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Adentrámonos na comarca de Bergantiños para coñecer a historia que esconde detrás este municipio // Daremos unhas pinceladas para todos os que non tiveron oportunidade de acercarse ao lugar

Malpica, un pobo mariñeiro con encanto

Un porto de baixura e numerosas praias conforman o seu contorno coas Illas Sisargas como referente

Non é un segredo que vivimos namorados da nosa terra e sempre que podemos presumimos dos seus incontables encantos que se esconden en diferentes puntos da Comunidade. Hoxe toca falar de Malpica, lugar que, así mesmo, se encadra dentro da Costa da Morte.

Malpica de Bergantiños é un dos pobos de baleas que houbo na costa de Galicia no século XVII. A historia sinala que foron os mariñeiros vascos os que fundaron esta poboación concibida como unha base de operacións para a frota que capturaba cetáceos neste recuncho altántico. Malpica era un mirador privilexiado para vixiar o paso das baleas, coas Illas Sisargas como promontorio internado no mar. Neses tempos decíase que a captura e comercialización estivo orixinariamente nas mans de mariñeiros cántabros e vascos, pasando logo a estar controlado polo clero, concretamento polo obispado de Mondoñedo, quen non mantiña unha boa relación cos pescadores locais. Da captura da balea obtíñanse graxas, aceite, carne e osos. Isto agora queda no recordo porque ninguén o relaciona co municipio actual.

A día de hoxe, Malpica ten un dos portos máis importantes da pesca artesanal de Galicia. Conta cunhas instalacións nas que se atopan un servizo de Travel Lift para facilitar as tarefas de reparación de barcos, dúas grúas, unha lonxa e unha fábrica de xeo, considerada a máis grande da Costa da Morte. A pesca é a súa actividade máis destacada, pero tamén cobra forza o turismo e os seus servizos auxiliares, especialmente nos meses de verán.

O principal núcleo de poboación é a capital municipal, que da nome ao municipio, aínda que tamén están localidades como Buño, Seaia, Cerqueda nos que se agrupan a maior parte dos veciños do territorio.

Según o IGE (Instituto Galego de Estadística), este municipio contaba no 2019 con 5.391 habitantes, dos cales máis da metade -3.173- son persoas comprendidas entre os 16 e 64 anos e tan só 385 persoas entre os 0 e 15 anos. Dato que nos da pistas sobre a sociedade malpicana.

Con achegarse ao lugar xa se pode detectar ese olor a pobo mariñeiro. Aínda así, no medio rural podemos atopar varias instalacións gandeiras, principalmente adicadas á produción de leite, así como produtores de cultivos hortícolas de alta calidade. Investigando no IGE descubrimos que no municipio había o pasado ano 66 explotacións de gando bovino, cun total de 1.748 vacas. En comparación con outros concellos non é unha cifra considerable, pero si nos ven a dicir que a gandaría tamén ten un peso relativo.

UN PEQUENO RECORRIDO POLO LUGAR. Coñecemos o que esconde o seu porto, do cal xa fixemos mención. Trátase dun dos portos de pesca de baixura máis destacados da comunidade. Hai dous peiraos: o norte e o sur. No peirao Norte atópanse as casetas dos profesionais do mar, a fábrica de xeo, o dique de abrigo e a lonxa. Nesta, a venta de pescado do día realízase todas as tardes de luns a venres. Os que nunca tiveron oportunidade de coñecer como é unha poxa, aínda estades a tempo. Por outra banda, no peirao Sur teñen a súa sede as dúas asociacións de redeiras de Malpica: Mar da Illa e O Feital. Elas arman, reparan e confeccionan redes de cerco e artes menores para os barcos locais.

Outro dos paraxes a observar son as Illas Sisargas, un pequeno arquipélago deshabitado situado a unha milla escasa do Cabo de San Adrián.

Podemos definilo como un refuxio natural de aves mariñas, gaivotas, e cormoranes, custodiada por un pequeno faro, actualmente automático, pero no que durante anos se forxaron moitas xeracións de fareiros.

Esta localidade conta, tamén, cun paseo marítimo que separa os edificios da praia principal, que recibe o nome de Area Maior. Esta construcción foise renovando co paso dos anos buscando sempre non perder a súa esencia. A día de hoxe, a mellor forma de desfrutar deste paseo é sentarse nunha das súas terrazas, contemplando as vistas aso mar, coas Illas Sisargas e a ermita de San Adrián ao fondo. Eu xa tiven oportunidade de contemplar alí as postas de sol en tardes de verán. Impresionante!, así o resumo.

Coa chegada do verán, a capital municipal acolle unha das romarías máis recoñecidas da Costa da Morte na que se honra a San Adrián, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. O domingo máis próximo ao 16 de xuño, miles de persoas acoden á peregrinación que os leva á fermosa ermida do século XVI ubicada no cabo de San Adrián. Con saída dende a igrexa parroquial e pasando polo centro do pobo e por diversas praias, a imaxe do santo chega á ermida blanca nos ombros dos romeiros.

Praias con encanto, faros, diversas rutas pola costa, unha fonte milagreira, romarías importantes... son algunhas das propostas que ofrece o municipio para o deleite dos visitantes.

“A vila da vida na Costa da Morte”, emblema do municipio

Falamos cun “malpicán de pura cepa”. Así se define Alfredo Cañizo Garrido, natural de Malpica. A día de hoxe é concelleiro de Turismo, Festexos, Policía Local, Tráfico, Seguridade Cidadá, Medio Rural e Servizos. Son xa 43 anos formando parte do concello, polo que falamos con el para que nos conte un pouco sobre o pobo.

Viaxamos no tempo. Nos anos da República marcharon de Malpica tres barquiños con destino Francia para escapar do réxime de Franco. “O meu avó, mariñeiro de toda a vida, marchou do lugar no ano 1937 con vinte e nove persoas a bordo que fuxían da guerra”, conta. Ese é o vínculo principal que ten Alfredo Cañizo co mar, aínda que como manifesta: “un malpicán sempre ten relación co mar porque vivimos del”. En cambio, os seus pais tiñan unha tenda no pobo; “as típicas tabernas ultramarinos nas que podías tomar un café, servíanche unha copa de caña e máis comprabas un kilo de azucre”, que basicamente era o que había cando el era pequeno. Cañizo pon por diante de todo a unión do pobo. “Ata fai poucos anos todo o mundo tiña a porta da casa aberta”, afirma.

Seguimos investigando e descubrimos que Malpica conta cun total de dez praias, que atraen no verán a moito turista tanto galego como nacional. “Xeograficamente esta vila naceu bonita, ten unha forma particular”, manifesta Cañizo.

Como agora xa sabedes, o municipio é famoso polo seu mar, polos seus mariñeiros e polo seu porto. “Ademais é o kilómetro 0 da Costa da Morte”, conta.

Por outra parte, Cañizo da importancia á agricultura. “Malpica tamén é campo. Temos as cebolas de Barizo e Mens, allos, patacas moi boas...”, di. Tamén destaca a olería de Buño. Acercándote a esta parroquia podes visitar algún taller oleiro ou levar un recordo das tendas de olería. Para indagar un pouco máis está o Ecomuseo Forno do Forte, no que descobres a vida destes traballadores.

E para comer son diversos os lugares aos que podemos ir para degustar dun bo peixe ou un bo marisco. Indo máis alá, decir que o restaurante As Garzas, na parroquia de Barizo, ten unha estrella Michelín.

“A vila da vida da costa da Morte é o emblema de toda a vida de Malpica e seguirao sendo”, conclúe.

17 sep 2020 / 00:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.