Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
Rosalía Fernández Rial, escritora carballesa

“Mesturo diferentes linguaxes e formatos a través dos cales expresar a poesía”

Rosalía Fernández Rial (Carballo, 1988) é licenciada en Filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. A súa tese de doutoramento presentada na USC leva por título Expresión dramática e teatral para a clase de linguas no ensino secundario. Na actualidade é profesora de Lingua Castelá e Literatura no CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños, onde tamén imparte Galego como afín. A súa paixón pola escritura vén dende pequena . O xénero literario co que máis se identifica é a poesía pero tamén ten publicado ensaio e narrativa.

Recordas o momento no que te decataches de que querías ser escritora?

Pois a verdade é algo que sempre desexei. Cando era unha nena xa me gustaba moito escribir. Podo dicir que o gusto pola literatura está dende que ía á escola.

Tes algún recuncho especial para escribir?

Un dos espazos para min máis importantes é o mar de Muxía, un municipio onde pasei moitos anos da miña vida. O mar e a praia están sempre presentes na miña poética. Cando non teño o mar de Muxía vou ao de Razo ou ao que me quede máis preto.

En que xénero literario te enmarcas?

Sen dúbida o xénero co que máis me identifico é a poesía. A maiores teño publicado o ensaio “Aulas e Paredes” que deriva da miña Tese Doutoral, un libro de relatos e algunhas obras colectivas. Debo recoñecer que incluso cando creo outros xéneros ou video-poemas sempre o fago dende o poético.

No 2018 estréaste na narrativa de ficción con “Bonus Track”. Que te levou a pasar de poesía a este xénero?

Considero que ao relato se lle pode dar moitas veces un enfoque bastante poético como no caso deste libro. Bonus Track está formado por relatos curtos pero tamén está atravesado por letras de cancións e un ton poético constante. Atráeme o xénero do conto e do relato nesta dimensión artística porque é un campo de xogo no que me sinto cómoda, máis que se fora unha novela que xa implica unha forma de pensar e traballar diferente.

Os teus traballos lévalos ao mundo audiovisual. Que proxectos saíron á luz?

O poético vai máis alá do texto escrito da poesía. Dende o poético pódese facer danza ou un movemento corporal determinado e iso para min tradúcese en misturar diferentes linguaxes e formatos a través dos cales expresar a poesía. Un dos que máis emprego é o audiovisual que sempre vai acompañado do xénero musical. Esa mistura entre diferentes disciplinas é algo que teño presente dende que comecei a publicar.

O xoves presentouse en Carballo “Árbores no deserto.” Que nos podes contar sobre o contido desta obra?

Esta obra realiza un percorrido a través de diferentes mulleres relevantes dentro da historia do pensamento. Algunhas son escritoras e outras activistas pero todas teñen en común que loitaron polos dereitos da muller. É unha homenaxe ao seu labor na que vou mesturando a miña voz coas súas, en diferentes planos. Por outra parte, o modo compositivo é unha gran aposta artística xa que son poemas construídos con collages (collendo diferentes palabras dun texto dunha autora e xuntándoas coas doutro poema) ou ben se empregan outras técnicas como pode ser tachar palabras dun texto e as que queden ao descuberto dén lugar ao poema final.

Cando tiveches a idea e canto tempo che levou a súa produción?

As ideas comezaron a xurdir no 2018 e en canto creei o primeiro texto todo foi saíndo grazas á improvisación. O feito de compoñer os textos en crebacabezas levou o seu tempo, uns cantos meses, pero moitas das páxinas foron escritas en primeira toma. É un libro marcado polo impulso creativo, no que me deixei levar polo que me ían suxerindo as once mulleres que aparecen nel.

Hoxe en día tes algún proxecto en mente?

Teño un libro que está practicamente rematado que é máis ensaio, unha versión de “Aulas sen Paredes”, que é un estudo máis académico. Estes anos como docente fixéronme seguir coa investigación dun modo máis divulgativo e con máis realismo xa que agora dou clases todos os días. Por outra parte, no ámbito creativo estou dándolle voltas a varios poemas.

19 dic 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.