Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Música, cine e arte dinamizarán a recuperada Praza dos Libros de Carballo

Celebrarase do 7 ao 10 de xullo no Xardín Municipal e as vendas serán agasalladas con packs de atún Calvo e un molete de pan carballés

Carballo. Do 7 ao 10 de xullo volve a Praza dos Libros de Carballo ( A plic!), que este ano chega cunha imaxe renovada e cun potente programa que acredita o compromiso do Concello coa cultura.

“Quixemos romper totalmente, xa que houbo un parón grande durante estes anos de pandemia, e esta nova imaxe, do ilustrador carballés Juan Gende, é como un novo renacer”, explicou o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, na presentación. Con el estiveron Chano Calvo, en representación da Fundación Luis Calvo Sanz, que volve a colaborar no desenvolvemento da Praza dos Libros, unha representación dos libreiros e das libreiras participantes, e o alcalde, Evencio Ferrero, quen destacou que a Praza dos Libros vai máis alá da literatura e convértese nunha feira da creatividade cultural, pondo en valor outro tipo de manifestacións que permiten “facer ver á xente que a cultura é todo un conxunto e que, para nós, a cultura en Carballo sempre será unha prioridade”.

A plic! é, probablemente, a única feira literaria de Galicia que se celebra dentro dunha feira tradicional tan antiga e importante como é a de Carballo, e na que, polo tanto, os produtos gastronómicos da terra teñen un papel moi destacado.

Ademais, o xoves 7, día de mercado e da inauguración co pregón de Xan Fernández Carrera, todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun pack de atún Calvo, e o domingo, día de feira e de despedida da Praza dos Libros, os libreiros e as libreiras entregarán un moletiño de pan de Carballo con cada venda.

O sector ofrecerá durante os catro días un 10 % de desconto en todos os títulos, e ademais con cada libro entregarán unha tarxeta rasca coa que poderán conseguirse premios directos. Nesta edición participarán as librarías Trasgo, Teldy, Ler, Clarión, Á lus do candil, Brañas Verdes e Demo Espiral Maior Foro, que se suma por primeira vez. O seu responsable, Miguel Anxo Fernán Vello, destacou o papel de Carballo “como referente en toda Galiza pola colaboración intensa que se realiza en tantos ámbitos da creación cultural”.

Os libreiros e as libreiras agradeceron a iniciativa da Concellaría de Cultura e expresaron a súa satisfacción por volver a sacar a literatura á rúa “despois destes dous anos, que foron duros para o sector cultural”.

Na xornada inaugural, ao longo da mañá desenvolveranse actividades de animación a cargo de Anxo Moure e, pola tarde (18.30 horas) haberá un concerto infantil para presentar o libro Little Neno descobre os Beatles. Despois Arantza Portabales presentará Sobrevivindo (20.00 horas) e Henrique Monteagudo dará a coñecer O idioma galego baixo o franquismo (21.00 h.). O día pecharase coa proxección da película Valentina (22.30 horas).

O venres, día 8, achegaranse á Praza dos Libros Anxo Fariña para presentar A cidade violeta; Fernando Cabeza Quiles, acompañado do ilustrador Mon Lendoiro, que conversará sobre as súas últimas publicacións co sociólogo Santi Pazos; e María Rei Vilas, que presentará Flores de ferro. Pechará a xornada un concerto de Bellón Maceiras e Mamá Cabra.

Paula Carballeira, Paco Nogueiras, Héctor Pose, Xosé Lois Romero & Aliboria, Medos Romero, Suso de Toro, Pakolas, Antía Yáñez e Marisa Vidal son outros dos nomes que se achegarán a Carballo os días 9 e 10 para promocionar a lectura e facer divertirse aos que se acheguen á Praza dos Libros, que abrirá de 11.00 a 14.00 e e de 18.00 a 22.00 horas no xardín municipal. M. L.

05 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.