Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Música, circo e maxia para animar o Verán Cultural de Carballo

A Concellaría de Cultura de Carballo, que preside Marcos Trigo, deseñou un Verán Cultural cargado de concertos, actuacións circenses e maxia. Propostas pensadas para todos os públicos e que se desenvolverán, de xeito gratuíto, en espazos como a rúa Jacinto Amigo, o aparcadoiro do Pazo da Cultura ou a contorna de Razo.

A programación para o público infantil e familiar arrincará o día 23 de xullo ás 20.00 horas na rúa Jacinto Amigo co espectáculo musical de Xoán Curiel e A Banda do Verán que leva por título A casa do terror. Despois chegará o Mago Antón para continuar coa súa Volta a Galicia en 313 concellos. A actuación será na praia de Razo o 29 de xullo e haberá sesións de mañán e tarde. En agosto, o día 6, Circo Chosco presentará OH-Pera (20.00 horas, rúa Jacinto Amigo).

As propostas para adultos inclúen os concertos de La Crema, unha das formacións musicais máis importantes dos anos 90 en Carballo, que agora regresa aos escenarios para presentar A ras de suelo’21 (29 de xullo, 20.00 horas na rúa Jacinto Amigo); Budiño&Novoa (30 de xullo na rúa Jacinto Amigo); Baiuca (6 de agosto no aparcadoiro do Pazo da Cultura) e Maraya Zydeco (13 de agosto na rúa Jacinto Amigo). Estes últimos comezarán ás 22.00 horas.

O Concello carballés colabora tamén con dous programas do Xacobeo 21-22, que traerán á capital de Bergantiños o grupo de música e baile Xacarandaina (16 de xullo, 20.30 horas) e á Banda Municipal de Música de Brión (22 de xullo, 20.30 horas). As dúas actuacións terán lugar na rúa Jacinto Amigo.

Este verán volven tamén a Carballo as Noites de Cine con catro sesións organizadas en colaboración coa Deputación da Coruña, e a artista Marta Valverde protagonizará unha residencia artística para o que disporá dun espazo no Pazo da Cultura desde o 12 ao 23 de xullo.

Marcos Trigo subliñou que o Verán Cultural “mantén o espíritu e obxectivos de anteriores edicións, de presentar unha oferta cultural diversa de calidade, atractiva e comprometida co sector cultural galego”, pero cun formato adaptado á situación que estamos vivindo.

O alcalde carballés, Evencio Ferrero, amosou a súa satisfacción porque “pouco a pouco se vai recuperando a actividade, e se poderá desfrutar de espectáculos ao aire libre”. Destacou que se trata dunha programación “diversa e con diferentes localizacións”.

08 jul 2021 / 18:58
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.