Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Charo Pita; escritora, narradora oral e actriz galega

“Narrar de viva voz dá a posibilidade de socializar as historias”

Charo Pita (A Coruña, 1966) é autora dunha extensa obra de literatura infantil e poesía ademais de narradora de viva voz. É licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidad de Salamanca. En 2001 obtivo o Premio de Poesía Espiral Maior co libro Desde Arcadia para Govinda e no 2018 gañou o Certame Manuel Murguía de narracións breves, por Bochorno. A semana pasada, o xurado da XV edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas escolleu gañadora a súa obra titulada O cuarto de Jane, que será publicada por Caldeirón na colección Illas Sisargas.

Cando eras pequena solías ler moitos libros?

O oficio máis antigo que teño é o de lectora. De feito, cando me presento como narradora sempre digo que nacín aos cinco anos, momento no que rematei de ler o meu primeiro libro. A miña faceta como lectora é moi importante dende que era ben pequena.

Recordas o título desa obra?

A verdade é que non. Non me marcou tanto o primeiro libro que lin senón o feito de ler. Iso si, ao longo da miña vida hai títulos que me marcaron e teñen importancia dentro da miña carreira como lectora.

Que te levou a adentrarte no mundo da escrita e a formarte como narradora?

Aínda que levo escribindo moito tempo, creo que me dediquei á literatura oral antes ca escrita. Todo é un cúmulo de casualidades e de tendencias. Para min sempre foi moi importante a palabra en todas as súas posibilidades. A vida foime levando por ahí. Comecei a narrar historias alá polo ano 94. Todo foi a oportunidade de facelo e o descubrir que contar de viva voz era algo que me gustaba.

No referente á escritura. En que xénero literario te centras e de cantos libros publicados estamos a falar hoxe en día?

Teño publicados algo máis dunha ducia, sobre 15. A maioría deles son de literatura infantil. Teño, tamén, un libro de poemas e algún relato para adultos.

Os relatos que contas son de tradición oral ou de creación propia?

Cando conto historias de viva voz son relatos de tradición oral e tamén propios. Para a escrita todo adoita ser creación propia.

Levaches as túas historias a lugares fóra de Galicia?

Estiven por toda España e a maiores en Portugal, Varsovia, Italia, Alemania... A experiencia foi moi boa, igual que aquí. Cando estou por territorio español adoito contar en castelán. Sen embargo cando vou fóra adoito facelo en galego. Cando estiven en Alemania e Polonia foi moi interesante porque narraba para grupos de persoas que estaban estudando idiomas, foi un público moi receptivo. En xeral disfruto sempre. Narrar de viva voz dá a posibilidade de socializar as historias.

Tamén eres actriz. Onde te sitúas neste mundo?

Considérome máis narradora tanto na escrita como na oralidade ca actriz. Teño feito algúns traballos puntuais no mundo do teatro, para o audiovisual nada. Considéroa unha experiencia máis, algo complementario no que non afondei abondo. Na actualidade teño unha montaxe que podo definir como unha homenaxe para a cativada sobre a figura de Ricardo Carvalho Calero.

No seu momento foi difícil compaxinar o ser nai co traballo profesional?

Cando tomas a decisión de querer ser nai é coma todo; hai cousas que veñen dadas e outras que tes que descubrir. É unha aventura na que tes que incorporar o que ti eres na sociedade co feito de criar unhas crianzas. Gústame a miña actividade profesional e gústame ser nai. Hai momentos máis complicados pero sempre saín adiante con alegría.

Fai unha semana obtiveches o premio do XV Certame de Poesía Erótica das Illas Sisargas con “O cuarto de Jane”. Que significou para ti?

Sempre que presentas algo a un certame pensas que ao mellor podes recibir un premio. Nesta ocasión non sabía nin cando era o fallo, de feito xa pensaba que tivera lugar e non me enterara. Finalmente, recibir o premio foi unha alegría. A obra xa estaba perfilada de antes pero remateina durante o confinamento xa que houbo moito tempo para pensar e escribir. Estes meses de incerteza serviron para acabar algo que recibiu o seu recoñecemento. Cando narras historias tes o público diante e captas as reaccións dos que te escoitan pero cando escribes algo non sabes como se percibe o que fixeches. Así, o premio ben a subliñar o traballo realizado.

Tes algún proxecto en marcha?

Sempre xorden ideas na miña mente. Eu cando conto unha historia teño que viaxar moito. En cambio , este ano co covid houbo un parón considerable e as enerxías pasaron de andar dun lado para outro a centrarme máis na escrita. Gústame moito pasear os proxectos, viaxar con eles. Despois só teño que atopar o momento para pasalos á escrita. Agora estou rematando relatos para adultos, algunha novela... o feito de traballar neles é unha enerxía nova e unha sensación de estar vida.

16 nov 2020 / 23:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.