Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA

“Non hai xuventude que queira ir ao mar”

Manuel Villar Vidal, de 58 anos, é mariñeiro do barco Segundo María Isabel. Con catorce anos comezou a faenar e dende aquela non perdeu nunca o contacto co mar. No 2011 foi nomeado por unanimidade patrón maior de Laxe, sendo reelixido nas sucesivas eleccións.

Cando comezaches a interesarte polo traballo no mar?

Meu pai foi mariñeiro e iso meteume as ganas. Cando tiña 13 anos decidín que non quería seguir estudando e ao ano seguinte comecei a saír ao mar. Ademais meu irmán maior tamén tiña esta profesión.

Nos teus comezos, que che transmitía o feito de saír a faenar?

Cando era neno non había moitas opcións. Ou xogabas na praia ou ías xunto aos máis vellos a ver como ataban o aparello (dispositivo utilizado para capturar o peixe, formado por redes ou por palangres), observar como repasaban as pesas de xeito ou ben como enchían os tramallos (instrumento de pesca formado por tres panos superpostos de forma rectangular). A raíz diso a pesca converteuse nun pequeno vicio.

En que barco traballas na actualidade e cales son as tarefas que desenvolves a diario?

Son propietario do Segundo María Isabel, un barco de artes menores. Levántamonos ás 4.00 horas da mañá para ir ao mar e regresamos sobre as 12 do mediodía. O horario depende un pouco do traballo que poida darche o peixe que pesques. Nós collemos pescadilla, faneca, salmonete, xarda e xurelo. Unha selección variada.

Afrontaches algunha mala experiencia?

Algún susto sempre levas, pero por sorte nada máis. Percíbese o risco cando se pica o mar e as ondas che pegan forte no barco dando a sensación de que te tira á costa. Naufraxios non vivín ningún.

No 2011 foches elixido por unanimidade patrón maior de Laxe. Que significou isto para ti?

Xa me presentara catro anos antes pero finalmente optara por non quedar no cargo. Á seguinte vez xa decidín que era o momento de poder ser o patrón maior e así foi. Hai que ter en conta que eu tiña unha longa experiencia na Confraría xa que estaba vinculada á mesma dende fai máis de 30 anos. No seu momento tamén fun presidente dos mariscadores.

Cal é o obxectivo da Confraría?

En Laxe temos punto de venda. A confraría ten a misión de atraer os compradores a Laxe e facilitarlle todos os servizos coas máximas vantaxes. Encargámonos de todo o papeleo e ademais temos que velar pola calidade do peixe para que repercuta favorablemente no mariñeiro.

Cantos mariñeiros hai hoxe en día inscritos na Confradía?

Hoxe en día hai sobre 90 afiliados, unha cifra que foi baixando co paso dos anos. Chegamos a ser máis de 150 pero algúns foron retirándose e venderon os barcos. Por desgraza penso que será unha tendencia descendente porque non hai xuventude que queira ir ao mar.

Cales son as principais tarefas que debes desenvolver como patrón maior?

Teño que estar ao tanto das novas leis. O meu compromiso é asistir a calquera reunión para saber os plans e comunicarlle as novidades aos afiliados.

Como valorarías a situación actual dos pescadores en Laxe?

Penso que a posición é boa. Os servizos que pode ter unha pequena lonxa como a nosa, existen. Ademais, nestes últimos nove anos arranxamos a lonxa, fixemos uns viveiros dentro da mesma e trouxemos unha grúa nova. Un progreso importante.

De que maneira afectou a COVID ao traballo diario?

Cando decretaron o confinamento e pecharon de bares e restaurantes, para nós foi moi duro. Vivimos desas entregas e ante esta situación baixou moito o prezo do peixe. Ías ao mar e non gañabas nin para o combustible, pero como eramos de primeira necesidade tiñamos que ir, non había outra opción. Ao principio pasouse bastante mal e agora tampouco conseguimos remontar porque segue habendo restricións na hostalería. Por poñer un exemplo, no mes de marzo o rodaballo solía ir a 35 ou 40 euros o kilo e este ano vendeuse a uns 10 euros. A diferencia é moi grande.

02 dic 2020 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.