Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Nova liorta en Ponteceso por un pleno que fora solicitado pola oposición

O PP e os concelleiros non adscritos recurrirán á Xustiza // O alcalde ampárase nun informe de Secretaría para non convocar a sesión extraordinaria

Ponteceso. O Partido Popular de Ponteceso, xunto aos concelleiros non adscritos, volverán acudir á xustiza para denunciar a actitude do alcalde Lois García Carballido ao negar aos edís da oposición a convocatoria dun pleno extraordinario para debater asuntos fundamentais para o municipio.

O encontro plenario foi solicitado polos edís do PP e os non adscritos, con diversos puntos a tratar entre os que destacan a contratación dunha auditoría externa para coñecer a situación económica do concello e, sobre todo, saber “dunha vez por todas” as facturas pendentes de pago de a provedores. "A nosa intención está clara, queremos que se pague o que se debe e que se faga polo orde lóxico de antigüidade e non polo que decida o alcalde”, explicou o voceiro popular, Daniel García, quen lamenta ter que acudir de novo á xustiza pero “cando a democracia e a normal correcta actividade municipal teñen desaparecido de Ponteceso, non nos queda outro remedio”, conclúe.

Ademais da auditoría externa, os concelleiros da oposición tamén reclamaban a convocatoria do pleno extraordinario para a regulación do Servizo de Axuda no Fogar, “en precario dende hai máis dun ano, e para acordar a baixada do IBI para os veciños”, afirman. Está claro, engaden, “que ao alcalde e ás dúas persoas que o apoian non lles interesa mellorar a vida dos seus veciño;perderon, se algunha vez a tiveron, a vontade de servizo público ue só seguen aí polos seus intereses persoais”, denuncia García Cotelo, que adiantou que as denuncias ante o xulgado tamén serán elevadas ante a Valedora do Pobo para “conseguir algunha defensa ante o que está a pasar aquí”.

Do mesmo xeito, o voceiro popular asegurou que as súas demandas están avaladas e firmadas polos representantes da maioría dos veciños de Ponteceso, polo que agardan “que dunha vez por todas o alcalde recapacite e responda ás peticións da oposición dunha forma democrática”. O PSdeG, engaden, “ten unha responsabilidade importantísima en todo o que está a suceder en Ponteceso. Eles, e sobre todo Valentín García, están a manter a un alcalde en clara minoría e con nulas intencións de traballar, o dano que está a facer ao noso pobo é xa irremediable”, asegurou García Cotelo en referencia a perda dos cartos do POS ou as moitas axudas que podería obter o municipio e que, polo actitude “ditatorial” do alcalde, estanse a perder.

Pola súa banda, o rexedor, Lois García (PSOE), respecta a decisión da oposición pero asegura que o pleno non foi convocado porque “temos un informe xurídico de Secretaría que reflexa que varias das peticións son competencias do goberno e non do pleno, e outras pasarán como rogos á sesión que se celebrará en setembro”. Ademais, engade, unha parte delas precisan previamente dun informe de disposición de crédito para poder levalas a cabo.

Responsabiliza ademais á oposición da perda de 3,5 millóns de euros en obras e servizos “polo bloqueo político ao que están a someter ao Concello”. A este respecto, sinala que non poden facer uso dos 700.000 euros de remanente nin pagar os 450.000 euros de facturas que adebedan aos provedores. Lamenta ademais a perda da axuda de 2,5 millóns de euros do IDAE para a renovación do alumeado público, “porque ao rexeitar o proxecto no pleno é imposible xa licitalo nos prazos dispoñibles”, sinalou García Carballido.

20 ago 2021 / 16:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.